A Fiscalía négase a investigar as presións de Marrocos ao Goberno de Sánchez

A defensa de Brahim Ghali solicitara os informes do CNI
O presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nunha viaxe ao Salvador. (Foto: Camilo Freedman / ZUMA Wire / dpa).
photo_camera O presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, Brahim Ghali, nunha viaxe ao Salvador. (Foto: Camilo Freedman / ZUMA Wire / dpa).

Novo xiro na causa contra Brahim Ghali, presidente da República Árabe Saharauí Democrática e líder da Fronte Polisario, tras transcender onte o rexeitamento da Fiscalía española á solicitude feita pola defensa do mandatario para que o xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, reclamase ao Centro Nacional de Intelixencia (CNI) os informes que elaborou en 2021 nos que desvelaba a estratexia marroquí para premer o Goberno estatal.

Esta presión, orientada a forzar un cambio de postura no Executivo que lidera Pedro Sánchez -que finalmente acabou por recoñecer a soberanía marroquí sobre os territorios ocupados no Sáhara Occidental-, naceu ao coñecerse que Ghali estaba recibindo atención hospitalaria na Rioxa, o que levou os “servizos de intelixencia marroquís a activar unha dobre estratexia xudicial e mediática para acosar Ghali e dificultar a súa mobilidade, así como crear un estado de opinión afín na prensa".

Ademais de “confirmar o destino de recursos por parte de Marrocos para reactivar os procedementos xudiciais contra Ghali e a Fronte Polisario”, sostén a defensa que no contido destes informes, filtrados a medios estatais, incluiríase unha listaxe de persoas colaboradoras no Estado español do servizo de intelixencia exterior das Forzas Armadas alauís, na que estaría Fadel Breica, o denunciante. Ao tempo, ratificaría que a entrada masiva de persoas en Ceuta en maio de 2021 “foi parte da estratexia de Rabat”.

Non obstante, para a Fiscalía, coñecer os informes do CNI durante a crise diplomática entre o Estado e Rabat non vai achegar ningunha proba relevante para a investigación xudicial, polo que opta por rexeitar perante o xuíz Pedraz esa solicitude. Con todo, a defensa de Ghali insiste en que eses documentos “acreditarían os motivos espurios e a finalidade fraudulenta do procedemento”.

A querela de Breica por detención ilegal, torturas e lesa humanidade é a única que permanece activa. Así e todo, o Xulgado de Instrución 7 de Zaragoza investiga a entrada de Ghali no Estado o 18 de abril de 2021.

A póla alxerina da crise

Aínda que desde o Sáhara Occidental acusan Marrocos de estar detrás da espionaxe co programa israelí Pegasus a Sánchez, á ministra de Defensa, Margarita Robles, e mais ao de Interior, Fernando Grande-Marlaska -que está sendo investigada na Audiencia Nacional-, a principal consecuencia da crise sitúase máis ao leste.

A decisión de Madrid de recoñecer a ocupación marroquí no Sáhara recibiu unha dura resposta de Alxer -o principal aliado da Fronte Polisario-, até o punto de suspender o tratado que regulaba as relacións bilaterais para exixir ao Estado español que volvera á legalidade internacional, que marca que só un referendo de autodeterminación pode permitir avanzar na situación. Ademais, é o único Estado ao que está a revisar á alza os prezos do gas natural que subministra.

No primeiro cuadrimestre de 2022, Alxer proveu o 23% do gas a Madrid, só superado por Estados Unidos co 30% a pesar da diminución da subministración nos últimos meses, e tendo en conta que o produto de Washington ten un prezo superior ao ser transportado por barco, o que está a ser aproveitado por Estados como Italia, que buscan ampliar os acordo enerxéticos con Alxeria.

'Pegasus', chave no sistema de espionaxe de Marrocos

O programa espía Pegasus foi proporcionado a Marrocos por Israel tras a normalización de relacións dirixida polo ex presidente dos Estados Unidos Donald Trump. Unha investigación de Forbidden Stories vinculou Rabat coa espionaxe ao presidente francés Emmanuel Macron, así como a varios ministros.

No Estado español, unha análise pericial detectou Pegasus nos teléfonos de persoas chaves do independentismo catalán, que logo foi xustificado por unha suposta orden legal que avalaba a espionaxe masiva.

Despois, o Executivo español informou de que os móbiles de Sánchez e parte do seu gabinete foran infectados co mesmo software pero sen sinalar directamente a Marrocos. Con todo, a espionaxe produciuse no medio da crise entre Madrid e Rabat pola presenza de Ghali nun hospital rioxano.

Comentarios