Máis de 20 mortes nun novo tiroteo masivo nos Estados Unidos, e xa van 36 este ano

Un aliado de Trump faise co control da Cámara Baixa.
Flores no lugar no que se produciu un novo tiroteo en Jersey. (Foto: Kyle Mazza / Contacto via Europa Press)
photo_camera Flores no lugar no que se produciu un novo tiroteo en Jersey. (Foto: Kyle Mazza / Contacto via Europa Press)

No mínimo 22 persoas morreron na madrugada de hoxe nos Estados Unidos despois de que un home disparara contra as persoas que se atopaban nunha boleira e nun restaurante de Lewinston, no Estado de Maine, desatando una operación de busca por parte de centos de axentes das forzas de seguridade. Tamén foron reportadas até 13 persoas feridas.

Ao tempo que as autoridades instaban as persoas residentes en múltiples localidades da contorna a manterse na casa por seguridade, a Policía identificou o sospeitoso do tiroteo como Robert Card, un instrutor de armas das Forzas Armadas estadounidenses. O seu coche foi atopado a 12 km do lugar no que se produciu o tiroteo.

Segundo a base de datos da axencia AP e o xornal USA Today, é o tiroteo masivo número 36 de 2023. No marco do alto número de armas de fogo no país, no que case a metade dos adultos reside en fogares con cando menos unha arma, e da facilidade do acceso a elas, o Gun Violence Archive contabilizou este ano máis de 35.000 mortes por armas de fogo, case 20.000 correspondentes a suicidios e as máis de 15.000 restantes por homicidios.

No caso de Maine, non é preciso contar con ningún permiso específico para poder portar armas de fogo. A comezos deste ano, o lexislativo estatal non aceptou unha proposta de grupos defensores do control de armas para exixir verificacións de antecedentes e crear un período de 72 horas entre a compra e a entrega do armamento.

Elección do presidente da Cámara de Representantes

Despois de que tres candidatos a suceder Kevin McCarthy como presidente da Cámara de Representantes dos Estados Unidos fracasaran no intento pola división no seo do Partido Republicano, Mike Johnson, un congresista próximo ao ex presidente Donald Trump, foi finalmente escollido polo voto unánime dos republicanos.

Johnson foi un dos membros da formación que participou nas manobras para intentar evitar que Joe Biden, do Partido Demócrata, fose investido como presidente despois da súa vitoria electoral entre alegacións de fraude comandadas por Trump.

O republicano Mike Johnson. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)
O republicano Mike Johnson. (Foto: Annabelle Gordon / Europa Press / Contacto)

No contexto desas reclamacións, que culminaron no asalto por parte dos seguidores de Trump ao Capitolio -que acolle o lexislativo federal- o 6 de xaneiro de 2021, no que unha comisión da Cámara Baixa definiu como un intento de golpe de Estado, Johnson chegou a afirmar que se produciu unha conspiración internacional para manipular máquinas de votación para que Trump non fora reelixido.

Comentarios