Conclúen que o asalto ao Capitolio foi un intento de golpe de Estado

As acusacións diríxense contra o ex presidente Donald Trump.
O ex presidente dos EUA, Donald Trump. (Foto: Sean Meyers / Europa Press)
photo_camera Donald Trump. (Sean Meyers / Europa Press)

O demócrata Bennie Thompson e a republicana Liz Cheney, presidente e vicepresidenta do comité da Cámara de Representantes dos Estados Unidos que investiga o asalto ao Capitolio do 6 de xaneiro de 2021, emitiron na noite da quinta feira parte das conclusións, nas que acusan o ex presidente Donald Trump de planificar un intento de golpe de Estado.

“O 6 de xaneiro foi a culminación dun intento de golpe, un intento descarado de derrocar o Goberno”, constatou Thompson, ao tempo que Cheney precisaba que “durante varios meses, Donald Trump supervisou e coordinou un plan sofisticado de sete partes para anular a elección presidencial e previr a transferencia dos poderes presidenciais”.

A republicana, unha das poucas integrantes da formación que participan no comité, afirmou que “todos os estadounidenses deben ter en conta que na mañá do 6 de xaneiro a intención do presidente Trump era seguir sendo presidente dos Estados Unidos, violando a súa obriga constitucional de renunciar ao poder”.

Durante a sesión, compartiron novas evidencias dos feitos, incluídas entrevistas co círculo máis íntimo de Trump e imaxes do asalto, que deixou cinco mortes entre manifestantes e Policía, con todo, catro axentes máis presentes no ataque suicidáronse desde ese data.

A principal xustificación defendida por Trump desde as eleccións presidenciais de novembro de 2020 para non recoñecer o triunfo de Joe Biden foron as acusacións de fraude no reconto dos sufraxios.

O círculo de Trump nega a fraude electoral

Nese sentido, durante a audiencia pública foron especialmente significativas as declaracións do ex fiscal xeral, Bill Barr, que incidiu en que “non podemos vivir nun mundo no que a Administración actual se manteña no poder baseándose na súa opinión, sen o apoio de probas específicas de que houbera fraude electoral”, facendo fincapé en que “lle dixen a Trump que era unha tolemia e que estaba facendo un gran dano ao país”.

Posteriormente, a filla do ex presidente, Ivanka, aseverou que “aceptaba” a posición defendida por Barr, após admitir que o seu testemuño lle ofrecera unha nova perspectiva.

Perante estas acusacións, o Partido Republicano insiste en que o comité só procura “distraer” o electorado das elección parciais de novembro, na que, segundo as enquisas, os demócratas poderían perder o control tanto da Cámara de Representantes como do Senado.

Comentarios