Estados Unidos

Crise no Capitolio: o republicano McCarthy é destituído polos seus propios compañeiros

A facción máis conservadora do Partido Republicano apoia unha moción de censura contra o presidente da Cámara de Representantes, que só durou 269 días no cargo, logo de que alcanzase un pacto cos demócratas para lograr unha prórroga orzamentaria e impedir o 'fechamento' administrativo do Goberno de Joe Biden.
Rolda de prensa de Kevin McCarthy (Foto: Europa Press).
photo_camera Rolda de prensa de Kevin McCarthy. (Foto: Europa Press)

Crise profunda no Partido Republicano estadounidense. O republicano Kevin McCarthy foi esta terza feira o gran protagonista dunha histórica sesión na Cámara de Representantes na que tornou no primeiro presidente desta institución, a terceira autoridade do país após o presidente, Joe Biden, e a vicepresidenta, Kamala Harris, froito dunha moción de censura impulsada pola facción máis conservadora do seu propio partido, cuxa cabeza visíbel é o congresista por Florida Matt Gaetz. O tamén republicano Patrick McHenry asume o posto de forma interina.

McCarthy pasará a historia como o segundo presidente do Congreso co mandato máis curto, 269 días —habería que remontarse 150 anos atrás para atopar o deputado que pode presumir desta dubidosa honra, Michael Kerr, que durou 257 días—, pois accedera ao cargo o pasado 7 de xaneiro substituíndo a demócrata Nancy Pelosi após recuperaren os republicanos a maioría na Cámara nas eleccións de metade de mandato do pasado ano.

E após ser apartado do cargo polos seus propios compañeiros, ten claro que non volverá optar a el: "Non me volverei presentar á Presidencia da Cámara. Quizais hoxe perdese unha votación, pero loitei polo que creo, e creo nos Estados Unidos. Foi unha honra servir o país", dixo, en declaracións aos medios após ratificarse a súa destitución por 216 votos a favor e 210 en contra. Apoiaron a moción os 208 demócratas presentes e oito republicanos díscolos.

Os republicanos máis conservadores xa viñan preparando esta moción nas últimas horas contra quen consideraban un "traidor", logo de que McCarthy alcanzase o pasado sábado sobre a bucina un pacto co Partido Demócrata que impediu o 'fechamento' do Goberno de Joe Biden ante a falta de acordo para aprobar os orzamentos. A pedimento do propio Kevin McCarthy, Congreso e Senado deron luz verde a unha prórroga orzamentaria de mes e medio —até o 17 de novembro— que deixaba fóra a axuda a Ucraína, unha cuestión que mantén divididos os republicanos.

E McCarthy asegura que non se arrepinte de negociar nin de "elixir a gobernanza fronte ao agravio": "É a miña responsabilidade, é o meu traballo. Non me arrepinto de negociar. O noso Goberno está deseñado para chegar a acordos. Non me arrepinto dos meus esforzos por crear coalicións e atopar solucións", reiterou a última hora desta terza feira.

O 'fechamento' administrativo do Goberno traduciríase na paralización das axencias federais, que deixarían de recibir financiamento, así como todo o persoal público, cuxas nóminas non chegarían a tempo, entre outras moitas consecuencias. Mais, a ollos dos ultraconservadores de Gaetz, McCarthy "traizoou" os seus compañeiros apoiando de forma "encuberta" os demócratas de Biden.

E contra eles o xa ex presidente da Cámara de Representantes carga duramente: "Votaron en contra do maior recorte [de gastos, unha petición que facían os republicanos] da historia que o Congreso votou xamais. Votaron en contra dos requisitos laborais. Votaron en contra da seguridade fronteiriza. Non son conservadores e non teñen dereito a ter o título [de republicanos]".

Comentarios