Máis de 36.000 mortes por arma de fogo nos Estados Unidos desde o inicio do ano

A indignación desatada nos Estados Unidos polo tiroteo nunha escola de Texas que acabou coa vida de 19 estudantes e dous profesores non abondou para pórlle freo a esta problemática. En 2022, o número de tiroteos masivos rexistrados ascende a 562, unha cifra que vai camiño de fixar unha nova marca desde que comezaron os rexistros.
Unha muller chora en Uvalde, Texas (EUA), após comunicarse a morte de 19 estudantes e dous profesores nun tiroteo en maio nun colexio. (Foto: San Antonio Express-News / SanAnto / DPA)
photo_camera Unha muller chora en Uvalde, Texas (EUA), após comunicarse a morte de 19 estudantes e dous profesores nun tiroteo en maio nun colexio. (Foto: San Antonio Express-News / SanAnto / DPA)

A tradicional lixeireza da política de armas nos Estados Unidos (EUA) converteuno no país do planeta cun maior número de armas por habitante, 120 por cada 100 persoas, revela Small Arms Survey. A moita distancia está o segundo na lista, o Iemen, con arredor de 50 armas por cada 100 cidadáns, e que leva oito anos de guerra civil con participación dos países do golfo Pérsico.

Esta gran dispoñibilidade de armas, entre outros factores, impacta nos niveis de violencia que padece o país, que desde o comezo de 2022 sufriu 36.520 mortes por disparos, 16.720 delas inclúen homicidios, asasinatos ou disparos non intencionados, e 19.800 correspóndense a suicidios, vén de actualizar o Gun Violence Archive, que rexistra desde 2013 os efectos das armas no territorio.

Os datos da entidade sosteñen que de continuar esta progresión nos últimos meses do ano converteríase no exercicio máis mortífero, ao que hai que engadir as lesións aflixidas a máis de 32.000 persoas.

Tamén está a ser un ano récord no que respecta aos tiroteos masivos: 562 até o de agora, e camiño a estabelecer unha nova marca desde que hai rexistros. Aínda que a masacre nunha escola de Uvalde, Texas, en maio, causou un especial impacto a nivel federal tras ser asasinados 19 estudantes e dous profesores, só nas últimas dúas semanas producíronse 26 tiroteos masivos ao longo do país americano.

Nos colexios, na última década aconteceron máis de 900 incidentes con armas, medio milleiro deles tiroteos. Entre a poboación máis nova, 266 nenas e nenos de 11 ou menos anos perderon a vida en 2022, mentres que de 12 a 17 anos xa foron confirmados 1.111 falecementos.

No último informe da Oficina de Nacións Unidas contra a Droga e o Delito colócase aos EUA como o cuarto país do mundo con máis homicidios intencionais, só despois do Brasil, a India e México. A taxa de homicidios sitúase a carón da de países como Etiopía, Senegal, Madagascar ou Ecuador.

Ao analizar esta cuestión, o Pew Research Center recoñece que “as armas están profundamente arraigadas na sociedade estadounidense”. Porén, a posesión de armas tamén marca as divisións no país. Os afiliados ao Partido Republicano teñen máis que os demócratas, os homes máis que as mulleres e os habitantes do rural máis que os urbanos.

Até 63% dos estadounidenses sosteñen que a protección persoal é o principal motivo para adquirir unha arma de fogo, e 48% consideran que a violencia armada é un dos principais problemas do país, unha percepción maioritaria entre afroamericanos e latinos e minoritaria nos adultos brancos.

A pesar de que máis da metade da poboación considera que hai que implantar políticas máis rigorosas de control de armas, o seu acceso continúa a ser relativamente doado, polo que se require un enfoque integral para reducir o número de mortes relacionadas con estas armas, defende o Centro para o Control e Prevención de Doenzas dos EUA.

A súa subdirectora, Debra Houry, incidiu en que “as mortes por armas de fogo non son inevitábeis, e todos teñen un papel que cumprir na prevención”.

Un asunto fóra dos debates electorais do 8 de novembro

Malia as cifras de mortes por armas de fogo que rexistran os EUA, o seu control non forma parte dos principais debates das eleccións intermedias do 8 de novembro, nun país onde a industria militar supón 8% do gasto público. Amais, lobbies como a Asociación Nacional do Rifle non só tratan de bloquear a lexislación anti armas por medio de múltiples doazóns a políticos, senón que reclaman o dereito a levalas en público.

Comentarios