Macron pide un "choque de financiamento público" para os países máis vulnerábeis

Comezou o Cumio por un Novo Pacto Financeiro Global en París coa presenza de máis de 40 xefas e xefes de Estado e múltiples organizacións internacionais.
Emmanuel Macron, presidente francés, na súa intervención a quinta feira. (Foto: Dario Pignatelli / European Counci / DPA)
photo_camera Emmanuel Macron, presidente francés, na súa intervención a quinta feira. (Foto: Dario Pignatelli / European Counci / DPA)

“Ningún país debe ter que escoller entre reducir a pobreza ou protexer o planeta”, proclamou a quinta feira o presidente francés, Emmanuel Macron, durante a inauguración da Cimeira por un Novo Pacto Financeiro Global en París, que remata hoxe tras contar coa participación de líderes de entidades internacionais como António Guterres, da Organización das Nacións Unidas (ONU), e arredor de 40 xefes de Estado, entre eles Lula da Silva, presidente do Brasil, Cyril Ramaphosa, de Suráfrica, ou Miguel Díaz-Canel, de Cuba, que encabeza o G77 máis China, un grupo conformado por países en vías de desenvolvemento.

Macron incidiu na necesidade dun “choque de financiamento público” para que un novo sistema de financiamento do desenvolvemento permita axudar os países máis vulnerábeis perante a pobreza e o cambio climático, após as disputas con países máis desenvoltos no seo das reunións vinculadas ás cimeiras da ONU sobre o cambio climático para que asuman a súa responsabilidade no quecemento global e cumpran cos compromisos adquiridos con anterioridade, como financiar con máis de 90.000 millóns de euros anuais a loita contra o cambio climático.

Porén, “polo momento estes fondos só se distribuíron parcialmente, se é que se distribuíron”, ratificou Désiré Assogbavi, que dirixe na África francófona ONE, unha entidade non gobernamental a nivel mundial contra a pobreza.

Entre as propostas lanzadas polo mandatario francés, que cualificou a cimeira como un intento de “construír un novo contrato entre o norte e o sur”, está unha taxa ás emisións de carbono do comercio marítimo, que podería achegar máis de 18.000 millóns de euros cada anos.

Un sistema "obsoleto"

Asemade, Guterres definiu como “obsoleta” a estrutura financeira internacional. Así e todo, fixo fincapé en que “non é preciso agardar unha transformación radical” desta arquitectura antes de “tomar medidas” que se poden pór en marcha inmediatamente e “dar un paso de xigante cara á xustiza mundial”.

Nese sentido, destacou o plan da súa entidade para suavizar a débeda, aumentar os fondos para os bancos de desenvolvemento ou rematar coas axudas a combustíbeis fósiles.

En paralelo, Díaz-Canel anunciou que insistiría na necesidade dun mecanismo multilateral de renegociación da débeda soberana, da fin das medidas coercitivas como o bloqueo que sofre Cuba por parte dos Estados Unidos e do apoio decidido aos Estados menos desenvoltos no acceso aos mercados ou transferencia de tecnoloxía.

Comentarios