Lula toma posesión como presidente do Brasil

Lula da Silva xa é oficialmente novo presidente do Brasil. O histórico dirixente do Partido dos Traballadores tomou posesión oficialmente como xefe do Estado nun acto en Brasilia.

luiz_inacio_lula(1)
photo_camera Lula xura o seu cargo no Congreso Nacional do Brasil. (Foto: Europa Press).

A toma de posesión de Lula converteuse nunha grande festa en Brasilia. O novo presidente comezou, precisamente, o seu discurso diante da asemblea lexislativa agradecendo o seu apoio ao pobo brasileiro.

Lula arrancou o acto de investidura afirmando que “se estamos aquí neste día é grazas á fronte democrática que construímos ao longo da campaña. Foi unha vitoria da democracia ante a máis grande campaña de mentiras e odios. Xamais a maquinaria pública foi desviada tanto dos seus obxectivo”

“Tres comidas ao día” para cada brasileiro

O novo mandatario volveu situar como compromiso garantir “tres comidas ao día” a cada brasileiro. Nesta dirección, prometeu “democracia para sempre” e lembrou que “demostramos durante oito anos que un obreiro podía promover o desenvolvemento sostíbel, que era posíbel gobernar este país coa máis ampla participación social, incluíndo aos traballadores no orzamento e nas cuestións do Goberno”

O dirixente do PT amosouse moi crítico coa herdanza do seu predecesor. Así, sinalou que “destruíron o medio ambiente, deixáronnos sen  recursos, desorganizaron a economía e lapidaron os recursos públicos. Os recursos do país foron rapiñados para saciar aos rendistas das empresas públicas. Sobre estas ruínas prometo reconstruír o país”.

Lula non recibiu a banda presidencial do mandatario saínte, como marca a tradición no país. Bolsonaro abandonou Brasil en compañía da súa parella, Michelle, para fixar a súa residencia na cidade estadounidense de Orlando, nunha vivenda cuxo aluguer supera os 1.000 dólares ao día.

A marcha de Bolsonaro

As razóns da marcha de Bolsonaro son diversas, porén a maioría dos analistas brasileiros vincúlana a súa situación xudicial. Neste sentido, lembran que a perda da inmunidade presidencial pode levar a activación de diversos procedementos legais por denuncias pendentes.

A saída de Bolsonaro do país non representa a fin do seu proxecto político. A extrema dereita saíu fortalecida dos últimos procesos electorais, conta cunha ampla representación no lexislativo e o apoio do poder económico, do exército e da maioría do poder xudicial.

As expectativas abertas co retorno de Lula á presidencia son moi grandes. Trátase dun novo mandato após as experiencias de Goberno entre 2003 e 2010 e dun proceso de persecución xudicial que rematou coa súa detención 500 días. A mediados de 2019 coñeceuse que era inocente e a súa condena resultado dunha montaxe policial.

Brasil volve a escena

O retorno de Lula á xefatura do Estado é contemplada como a volta do Brasil á escena internacional. Un exemplo disto, foi a súa toma de posesión, onde estiveron presentes 18 mandatarios internacionais, 53 delegacións internacionais e unha ampla delegación dos BRICS.

A presenza galega na súa toma de posesión concretouse nas persoas da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, e da responsábel da área Internacional do BNG e eurodeputada, Ana Miranda.

A presenza galega

Díaz sinalou que “a  presidencia de Lula e o cambio que vai supor no Brasil e no mundo en termos democráticos é un faro no mundo". Na mesma dirección, asegurou que “hoxe comeza unha nova etapa na excelente relación de cooperación construtiva entre España e Brasil”.

Miranda destacou que “ábrese unha nova etapa para o Brasil, de loita contra a pobreza e a exclusión, de igualdade, de recuperación do público, do multilateralismo, o respecto dos dereitos humanos, despois da época escura do bolsonarismo”.

Comentarios