Opinión

Eleccións en Brasil. Os erros da esquerda

Ao igual que moitos, agardaba confortable a vitoria de Lula o día 3 de outubro, coa dúbida de se necesitaría ou non segunda volta para ser elixido, cando pola noite me topei de novo unha radiografía perfecta dun país co que estou moi implicado, Brasil. Os apoios a Bolsonaro eran moito maiores dos agardados, mesmo disputaba a Lula e a súa grande coalición con forzas da dereita moderada a cabeza do escrutinio. Para calquera de nós a insoportable desigualdade social (tamén racial) do Brasil constitúe un motivo categórico para que gañe unha esquerda traballadora como a exemplificada por Lula. Pero esa mesma esquerda cometeu tantos erros que a súa credibilidade está hoxe erosionada. Pola contra, a dereita dura de corte norteamericano ten un instrumento fortísimo de opinión: as igrexas evanxélicas que proliferaron polo país. Como todas as relixións, propoñen o máis alá para a redención, e no cotiá introducen orde, loita contra o alcoholismo e as drogas, atraendo a moitas familias pobres, aínda que as mensaxes dos seus predicadores resulten entre escandalosas e ridículas.

Nos comezos do século XXI a chegada de Lula ao poder significou unha enorme esperanza e como gobernante non defraudou. Destinou parte das rendas xeradas nun período de crecemento económico a paliar as desigualdades e a construír a base estrutural dun Brasil novo. Impulsou a bolsa familia, un ambicioso programa de vivendas sociais e aumentou de xeito decidido o salario mínimo dos traballadores. Ao mesmo tempo os investimentos en educación ou en infraestruturas multiplicáronse. Todo isto puido facerse mediante pactos co gran capital ou cos terratenentes, que tampouco deixaran de gañar neses anos. Xa daquela escoitei a bastantes dos meus compañeiros da universidade indicar que Lula esquecera as súas promesas no campo (realmente o seu programa íntegro podía condicionar un balanzo de pagos favorable), abandonara os seus camaradas do primeiro momento (os cargos non chegan para todos) e que se sometía a pactos con forzas da dereita (era certo, pero o PT nunca foi maioritario na Asemblea). Isto, escoitado a colegas que recibían substanciosas bolsas de estadía en Europa e se desenvolvían cunha produtividade desigual, causábame certo escándalo.

Un aspecto onde algunha das miñas compañeiras si tiñan razón era nas cesións que Lula fixo ás igrexas freando o recoñecemento dos dereitos das mulleres. Cómpre lembrar que a sociedade brasileira é moi crente e que a igrexa católica foi fundamental na creación dos sindicatos e do propio PT. Por iso, Lula sempre foi sensible ás súas presións e non avanzou o suficiente no control de abusos sexuais, a violencia de xénero, o dereito pleno ao aborto e a igualdade legal para o colectivo LGTBIQ. Ao tempo que a igrexa católica mantiña as súas bases pobres nas favelas e sobre todo no campo, comezou a expansión das setas evanxélicas. Estas igrexas son heteroxéneas, pero en gran parte defenden postulados ultra conservadores, eloxian o valor do diñeiro, e son belixerantes contra os dereitos da muller e dos gais. A esquerda gobernante que debera avanzar na secularización do país, deixou que o poder eclesiástico se asentase.

E isto hoxe é un auténtico problema, Lula ten sido o gran presidente da historia contemporánea do Brasil. Pero a esquerda depende en exceso da súa figura, xa maior. Ao mesmo tempo, o pasado escravista e autoritario do país volve xurdir á mínima expresión: as clases medias e acomodadas, e amplos sectores do empresariado e do exército non dubidan en abrazar ideas posfascistas cando estiman os seus privilexios cuestionados. E detrás de todo un aparato de enganos e de sermóns televisivos, que axuda a cementar a narrativa bolsonarista contra o demo Lula, a esquerda, os pobres, as feministas e as categorías que se queiran. Na esquerda agora hai unha unidade descoñecida, un encomendarse ao único que pode gañar. Esa mesma esquerda, en particular a intelectual e universitaria, debe saber que se Lula vence a súa vitoria será escasa, moi limitada, e que necesitará de paciencia para mudar un país moito menos progresista do que se pensou. Quizás revisar o papel dunha igrexa evanxélica, tamén parte da católica, bastante corrupta, con procesos de enriquecemento ilícitos e os habituais escándalos sexuais, sexa un bo xeito de comezar este período se finalmente todo remata ben.

Comentarios