Opinión

Máis alá de Lula ou Bolsonaro

O domingo día 30 de outubro, na segunda volta das eleccións presidencias, o electorado brasileiro definirase entre Lula ou Bolsonaro, os dous candidatos máis votados na primeira.

Cando remataba o reconto na noite do día 2, moita xente non podía disimular a sensación de derrota ao non terse producido unha vitoria contundente, que permitira a Lula acceder á presidencia sen segunda volta. Estaba claro que as empresas responsábeis da elaboración de enquisas tiñan realizado un bo labor, e que os medios de comunicación responsábeis da súa masiva divulgación cumpriran co obxectivo de crear o ambiente artificial de que todo estaba feito, Lula ía arrasar en primeira volta, e o Brasil deixaría atrás o Bolsonarismo, espertando dun maldito soño colectivo de seis anos.

O mapa político saído da primeira volta nos estados, no Congreso e no Senado mostra unha dereita e unha extrema dereita reforzadas

Dise sempre que as enquisas só marcan tendencias, que son un instrumento para coñecer as simpatías, a intención de voto ou a sensación que ten a xente nun momento concreto; e dise tamén que non se poden tomar como se fosen unha bola de cristal para adiviñar o futuro. Pero unha vez máis, gran parte dos observadores tomaron os datos que ofrecían a maioría das enquisas como definitorios do resultado. Iso moi probabelmente favoreceu unha maior mobilización do voto bolsonarista, encirrado polas duras mensaxes da súa campaña nos últimos días denunciando fraude, e puido desmobilizar a segmentos de voto da esquerda convencidos de que unha vitoria clara na primeira volta estaba garantida.

Como persoa de esquerda e amigo do pobo brasileiro, agardo que o día 30 a Federação Brasil da Esperança e a plataforma electoral Vamos Juntos pelo Brasil, das que forman parte entre outros o PT e o PCdoB, melloren os seus resultados conseguindo que Lula acceda de novo á presidencia e que a esquerda brasileira aumente a súa forza, tanto a nivel federal como nos distintos estados nos que haberá segunda volta. Pero ese desexo que seguro compartirán quen lean o artigo, non pode levarnos a pensar que a vitoria fará desaparecer todo o acontecido desde o 31 de agosto de 2016, data de destitución de Dilma Rousseff, ou que os 580 días que estivo en prisión Lula non teñen deixado un pouso negativo nun sector da poboación e especialmente das clases populares.

Proba de que non foi só un mal soño é o mapa político saído da primeira volta nos estados, no Congreso e no Senado; mapa que mostra unha dereita e unha extrema dereita reforzadas. E aínda que no Brasil o goberno federal ten unha gran posibilidade de manobra, conseguir os apoios para a aprobación das leis vai ser moi complexo.

Aínda que no Brasil o goberno federal ten unha gran posibilidade de manobra, conseguir os apoios para a aprobación das leis vai ser moi complexo

Socioloxicamente o país ten cambiado, a influencia das seitas relixiosas de orixe evanxélica aumentou aínda máis; un importante sector da poboación identifica esquerda, e sobre todo PT, con corrupción e mentira; unha dereita e unha extrema dereita moi activas entenderon a importancia de ocupar a rúa, arrebatáronlle moito espazo a unha esquerda que sempre demostrou nela a súa forza. A esquerda, ademais, non pasa polo mellor momento, tendo perdido presenza social e con unhas centrais sindicais en situación delicada; constatándose ademais un perigoso retroceso no campo da loita das ideas, polo efecto sobre a poboación de discursos moi atrasados, pero moi efectivos, fabricados pola extrema dereita. A propia figura de Lula, única posibilidade de recuperar o Palacio do Planalto, mostra un problema de liderados que se puxo enriba da mesa hai catro anos, cando non se puido presentar por estar no cárcere, e segue existindo.

Restan dúas semanas e non hai nada gañado, pero os apoios a Lula van aumentando, aínda que algúns deles sexan só por consideralo o único instrumento eficaz para botar fóra a Bolsonaro.

Quen vexa o mundo en base a esquematismos e ideas preconcibidas, que non agarde cambios "revolucionarios" co novo goberno Lula, pois as circunstancias son moito máis complexas que na anterior etapa. Pero está claro que para o pobo brasileiro e para América Latina a súa presidencia si que será un avance revolucionario.

Comentarios