Opinión

Brasil, a pelexa cotiá polo cambio

Este novo período de governo de Lula da Silva como presidente da República Federativa do Brasil abre moitas expectativas para a esquerda na América Latina, e fortalece a aposta por un mundo multilateral.

Mais os retos son moitos e os atrancos que hai por diante tamén son abondosos, tanto a nivel interno, como rexional, vexase a situación en Perú, Bolivia, Arxentina... unha dinámica que se dá tamén noutras áreas do mundo e que forma parte da dura confrontación que contra as potencias emerxentes e un mundo multipolar libra o imperialismo de Estados Unidos. Este conta coa complicidade dos aliados do G-7, mesmo que estes perdan protagonismo e medre a desigualdade, xa que consideran, as súas clases dominantes, élles esencial manter seu papel subimperialista.

Brasil é unha potencia rexional, 217 millóns de habitantes e o 8º PIB do mundo medido en capacidade de merca (3.680 mil millóns de dólares en abril de 2022 segundo o FMI). Forma parte dos BRICS, conta cun exército importante e unha economía sustentábel tanto pola produción de enerxía, cereais e carne... Seu punto máis débil está na dependencia exterior da adquisición de maquinaria e bens que incorporen alta tecnoloxía. Ou sexa unhas capacidades moi semellantes á de moitas potencias rexionais, superadas por China, e Rusia e India en determinados ámbitos.

Con respecto ao contexto no que Lula asume o governo, o 1º de xaneiro, a web Vermelho destaca a tensión do momento, pola actitude agresiva da estrema dereita, e as medidas tomadas para evitar  enfrontamentos para impedir ou crear unha situación conflitiva na proclamación do novo presidente: “O general Julio Cesar de Arruda, indicado de Luiz Inácio Lula da Silva (PT) ocupará o comando do Exército interinamente a partir desta sexta-feira (...) O motivo da antecipação para nomeação de Arruda se dá pela pressão em torno do novo governo em relação à segurança de Lula, que foi revista em virtude da aglomeração bolsonarista nos arredores do Quartel-General do Exército, em Brasília, e das ameaças de atentados ocorridas na última semana”.

Os bos resultados electorais de Bolsonaro, a súa capacidade de mobilización, amosa a fortaleza da dereita neste intre no Brasil, malia que tanto no ámbito social como ecolóxico e democrático o governo de Jair Bolsonaro implicou importantes retrocesos. Concretamente, máis de 33 millóns de persoas pasan fame fronte a 10 millóns en 2018, por mor da eliminación e redución de axudas. Ao que cómpre sumar que un 40% das 86.400.000 persoas ocupadas teñen un traballo informal.

O politólogo brasileiro Emir Sader en relación cos resultados da primeira volta afirma: “O sorprendente aumento da votación final de Bolsonaro revela o relativo éxito dos mecanismos de acción do bolsonarismo que lograron reducir a distancia que as enquisas apuntaban a favor de Lula, de máis dun 10 por cento a un 5%. Malia o mal governo de Bolsonaro, o 43% da povoación votou por renovarlle o mandato. O que revela como as posicións de extrema dereita están arraigadas na sociedade brasileira, o que merece máis discusión”.

Polo tanto, mesmo que a presidencia no Brasil teña moitas competencias necesita dar un salto cualitativo na organización e mobilización das clases populares, porque, como o está demostrando, o bolsonarismo disputará a rúa dende o primeiro día. Lula da Silva terá que buscar acordos puntuais con partidos do centro dereita para aprobar as leis e decretos que envíe ao Congreso. Isto limitará o número de medidas reformistas que se aproben, cando necesiten tramitación parlamentar.

Mesmo con estes atrancos todo fai pensar que se producirá xiro á esquerda no social e democrático, un maior achegamento aos países latinoamericanos e aos BRICs. Ou sexa, un reforzamento do multilateralismo.

A cuestión é como de forte será o Governo de Lula, polo tanto a súa presenza e iniciativa nas institucións a todos os niveis. Só así será capaz dende alentar dende o primeiro día a mobilización da base da esquerda e ademais conseguir o apoio da maioría das clases populares e sectores intermedios da sociedade brasileira. Este é o reto. Coherencia, atrevemento e creatividade.