Rusia suspende de maneira indefinida o envío de gas a Europa a través do Nord Stream 1

A compañía estatal Gazprom detallou que o tráfico de gas volverá cando se arranxen unhas deficiencias técnicas. Pola súa parte, Bruxelas acusou Moscova de empregar "pretextos falaces".
Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)
photo_camera Instalacións de Nord Stream 1 en Alemaña. (Foto: Europa Press)

A compañía rusa Gazprom, de titularidade estatal, suspendeu este sábado de maneira definitiva o envío de gas ao centro de Europa a través do gasoduto Nord Stream 1, tal e como xa anunciara onte.

Nun comunicado, a compañía explicou que “até que se elimine o fallo no funcionamento dos equipos, o tránsito de gas polo gasoduto Nord Stream queda completamente suspendido”. En concreto, Gazprom detalla que detectou unha “fuga de aceite mesturada cun composto de selado nas conexións dos cables dos sensores de velocidade do rotor de baixa e media presión”.

Este fallo técnico foi detectado na turbina Trent 60, situada na estación de compresión Portovaya, a única que aínda seguía en funcionamento. Tamén se detectaron escapes de aceite noutras partes da infraestrutura, engadiu a compañía de gas.

Gazprom cortara o subministro a pasada cuarta feira polos labores de mantemento na turbina da estación compresora, e estaba previsto que o subministro de gas fose retomado este sábado. Porén, a detección da fuga de aceite obrigou Rusia a cortar até novo aviso o envío de gas.

Críticas en Europa

Pola súa parte, o portavoz da Comisión Europea, Eric Mammer, acusou Moscova de empregar “pretextos falaces” para xustificar a suspensión indefinida do envío de gas a través do Nord Stream 1.

Esta sexta feira, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, asegurou que “é hora de aplicar un teito ao prezo do gas ruso exportado a Europa”. Unhas declaracións que recibiron a inmediata resposta do xefe adxunto do Consello de Seguridade de Rusia, Dimitri Medvedev, que sentenciou que, de adoptarse esa medida, “simplemente non haberá gas ruso en Europa”.

Von der Leyen engadiu que esta medida sería tomada, con moita probabilidade, a nivel da Unión Europea, xa que os país da institución conseguiron encher os seus depósitos de gas en 80% varias semanas antes do previsto.

Comentarios