A Galiza fica fóra das axudas estatais ao hidróxeno verde aprobadas pola UE

A Comisión Europea vén de dar luz verde ao financiamento de 35 proxectos de hidróxeno verde por parte de 13 Estados, cun investimento público total de 5.200 millóns de euros. Así, o Estado español financiará sete proxectos desta tecnoloxía, mais ningún deles se desenvolverá na Galiza, onde foran promovidos un total de 70. Por outra parte, o Consello da Xunta aprobou onte a declaración  de "iniciativa empresarial prioritaria" dun proxecto deste tipo no municipio de Caldas de Reis.
A UE agarda que o hidróxeno verde represente en 2050 até 15% do 'mix enerxético'. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A UE agarda que o hidróxeno verde represente en 2050 até 14% do 'mix enerxético'. (Foto: Nós Diario)

Máis de 70 proxectos promovidos por medio cento de promotores aspiran na Galiza a optar aos fondos que os Estados, sempre coa aceptación da Comisión Europea, destinan para impulsar a investigación, innovación e aplicación industrial do hidróxeno verde.

A Comisión deu esta semana o visto e prace a un programa do que participan 13 Estados da UE, cun investimento total dos Estados participantes de 5.200 millóns de euros, co que se espera que se desbloqueen outros 7.000 millóns de investimento privado, para o financiamento dun total de 35 proxectos relacionados co hidróxeno verde, entre os que figuran sete presentados polo Estado español, ningún deles situado na Galiza. 

Os proxectos seleccionados

Así, a multinacional Repsol recibirá fondos para sufragar dous electrolizadores —plantas que permiten producir hidróxeno— en Cartaxena (Murcia) e Bilbo (Euskadi), proxectos que, segundo as estimacións iniciais, xerarán máis de 1.000 empregos.

Pola súa parte, Enel Green Power, filial de enerxías renovábeis de Endesa, impulsará un proxecto de aplicación do hidróxeno na industria no Val do Ebro, da man da sociedade Industrias Químicas del Ebro.

No caso de Iberdrola, a iniciativa seleccionada é tamén para usos industriais, en Cidade Real (Castela-A Mancha) e Huelva (Andalucía), mentres a portuguesa EDP obtivo a concesión de dous proxectos para as centrais térmicas que posúe en Aboño (Asturies) e Os Barrios (Cádiz), así como para un terceiro denominado 'IAM Caecius', en Teruel (Aragón).

"Desenvolver tecnoloxías con baixo uso de carbono e, en particular, de hidróxeno verde, e construír a infraestrutura necesaria para o seu desenvolvemento achegaranos ao obxectivo de que Europa sexa o primeiro continente neutral desde o punto de vista climático para 2050", defendeu a vicepresidenta da Comisión Europea, Margrethe Vestager. 
A Unión Europea prevé que en 2050 o hidróxeno verde represente 14% do 'mix enerxético' comunitario e estima un investimento total no período de dous billóns de euros. 

Segundo o cronograma recollido no plan europeo de combate contra o cambio climático, a Comisión agarda unha produción dun millón de toneladas de hidróxeno verde para 2024 e 10 millóns de toneladas anuais en 2030, o que representa unha oportunidade de negocio descoñecida para as empresas eléctricas.

O proceso de xeración de hidróxeno verde

A produción de hidróxeno para usos enerxéticos non é algo novo. Así, fálase do hidróxeno gris, onde o produto xorde do gas natural ou do amoníaco mediante un proceso industrial que xera CO2; do hidróxeno azul, onde o CO2 que emite a separación do hidróxeno captúrase e entérrase baixo terra; e mesmo do hidróxeno rosa ou malva, unha proposta francesa para a obtención do material a partir da enerxía nuclear. Pola súa parte, o hidróxeno verde obtense a través da electrólise da auga, nun proceso que require de electricidade que sexa utilizada é xerada por unha fonte renovábel para producir hidróxeno sen emisións de CO2.

Anuncio dunha 'iniciativa empresarial prioritaria'

Após a resolución da Comisión Europea na que non figura ningún proxecto na Galiza, o presidente do Executivo galego, Alfonso Rueda, deu conta da declaración no Consello da Xunta dunha instalación deste tipo en Caldas de Reis como 'iniciativa empresarial prioritaria', unha designación que permite acurtar os prazos de tramitación e dá acceso prioritario a subvencións. A de hidróxeno, salientou o presidente, crearía no municipio un total de 55 empregos.

Comentarios