Kissinger avisa dunha posíbel guerra entre a OTAN e Rusia

O ex diplomático dos EUA apostou pola distensión con Rusia e a neutralidade de Ucraína durante unha conferencia no Foro Económico Mundial de 2022, na cidade suíza de Davos.
O ex secretario de Estado dos EUA, Henry Kissinger. (Foto: Ting Shen / Zuma Press / Contacto Photo)
photo_camera O ex secretario de Estado dos EUA, Henry Kissinger. (Foto: Ting Shen / Zuma Press / Contacto Photo)

O ex secretario de Estado dos Estados Unidos de América (EUA), Henry Kissinger, advertiu que unha maior instigación do conflito en Ucraína podería converterse nunha guerra contra Rusia que ameazaría o equilibrio de poderes en Europa.

Kissinger, unha das figuras máis representativas da política exterior dos EUA no século XX e un dos principais teóricos da escola realista no campo das Relacións Internacionais, pronunciou un discurso durante o Foro Económico Mundial de 2022, na cidade suíza de Davos.

Na súa intervención, Kissinger destacou a importancia de que as partes en conflito regresen ao diálogo para evitar que a crise se agrave aínda máis e poida rematar nun enfrontamento directo entre Occidente e Rusia.

"Na miña opinión, o movemento cara ás negociacións e a paz debe empezar nos próximos dous meses para determinar o resultado antes de que xurdan consecuencias e dificultades ás que sería aínda máis difícil enfrontarse, en particular, para as relacións entre Rusia e Europa e de Ucraína con Europa", explicou.

"Se a guerra continúa tras este punto, xa non se trataría da liberdade de Ucraína senón dunha nova guerra contra a propia Rusia", salientou o ex secretario de Estado e ex diplomático estadounidense.

Kissinger tamén se referiu a que Rusia foi unha das partes importantes de Europa durante os últimos 400 anos e un garante de equilibrio na rexión. Neste sentido, suxeriu que Occidente debe ter en conta a súa relación a longo prazo con Rusia e evitar que Moscova pacte unha alianza permanente con Pequín.

A neutralidade de Ucraína

Henry Kissinger lembrou que fai oito anos, cando xurdiu a idea de que Kíiv podería unirse á OTAN, sinalou nun artigo que "o resultado ideal sería que Ucraína puidera permanecer como un Estado de tipo neutral, unha ponte entre Rusia e Europa".

O estadounidense considera que o actual conflito fai complicado que Ucraína poida ser un Estado neutral con respecto a Rusia, aínda así, considera esta neutralidade como algo desexábel. "Creo que esta oportunidade agora non existe de igual forma, mais aínda pode ser concibida como un obxectivo final", expresou Kissinger.

Comentarios