A Intelixencia ucraína informa dun intento de asasinato a Putin

Os servizos de Intelixencia de Ucraína afirman que houbo unha tentativa, non exitosa, de 'liquidar' o presidente ruso. Tamén Zelenski afirmou ser vítima de intentos de asasinato.
Vladimir Putin, no Kremlin. (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)
photo_camera Vladimir Putin, no Kremlin, a pasada semana. (Foto: Mikhail Klimentyev / Planet Pix / DPA)

O presidente da Federación Rusa, Vladimir Putin, tería sobrevivido hai escasos dous meses, cando principiou a invasión de Ucraína, a un intento de asasinato. Así o vén de asegurar, en declaracións ao diario Ukrainska Pravda, o xefe da Intelixencia ucraína, Kyrylo Budanov.

"Houbo un intento de asasinar Putin. Mesmo chegou a ser atacado por representantes do Cáucaso, hai pouco tempo, uns dous meses", dixo, en alusión á rexión caucásica que conforman Armenia, Acerbaixán, Xeorxia e algúns territorios rusos como Chechenia.

A OTAN xa ameazara con matar o presidente ruso

Malia que a tentativa "non tivo éxito ningún" e que se trata dunha información que non transcendeu á esfera pública até o de agora —e que aínda non puido ser corroborada—, o xefe da Intelixencia ucraína insiste en que "si se levou a cabo".

Cómpre lembrar que o pasado mes de marzo o coronel da OTAN Richard Kemp propuxo "liquidar" Putin: "A Alianza debería considerar todas as opcións para sacalo do poder. Iso incluiría matalo, aínda que non é probábel que sexa algo viábel ou desexábel".

Tres intentos de asasinar Zelenski

Mais as tentativas de homicidio tamén terían chegado na dirección oposta. En marzo as autoridades ucraínas aseguraron que o seu presidente, Volodimir Zelenski, sobrevivira na segunda semana da guerra a "tres intentos de asasinato en Kíiv".

Encontro bilateral

Por outra parte, esta mesma terza feira o 'número dous' de Rusia ante a ONU, Dmitri Polianski, acusou Zelenski de procurar un "esforzo de relacións públicas" após propor un cara a cara con Putin para abordar a guerra.

"A xente que non está no 'mundillo' non entende que os cumios deben ser preparados a fondo e que a axenda debe ser pactada por ambas as partes, alén do traballo de campo de expertos, xa que, se non, non hai necesidade de falar", dixo o diplomático ruso.

Aliás, Polianski insistiu en que non foi o seu país o que "conxelou" as negociacións de paz: "Hai algúns contactos e agardamos respostas dos ucraínos a propostas que se presentaron xa hai tempo".

Comentarios