Rusia afirma que a entrada de Suecia e Finlandia na OTAN sería "un grave erro con consecuencias de longo alcance"

O ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, afirma que o cumio da Alianza Atlántica en Madrid será "histórico" pola "case segura" adhesión dos países escandinavos.
O presidente finlandés, Sauli Niinisto, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putín, nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera O presidente finlandés, Sauli Niinisto, e o seu homólogo ruso, Vladimir Putin, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O viceministro de Exteriores da Federación Rusa, Sergei Riabkov, asegurou esta segunda feira que "non" aceptará o ingreso de Finlandia e Suecia na OTAN, algo que, dixo, sería "outro grave erro con consecuencias de longo alcance".

Fixo estas declaracións logo de que nos últimos días ambos os países escandinavos manifestasen publicamente o seu desexo de integrarse na organización militar. De feito, o pasado sábado, o presidente finlandés, Sauli Niinisto, informou de que conversara telefonicamente co presidente ruso, Vladimir Putin, para comunicarllo oficialmente.

Agora Riabkov respondeu, en declaracións recollidas pola axencia rusa Interfax, que a seguridade de Finlandia e Suecia "non se verá fortalecida" pola entrada na OTAN.

"A forma na que garantiremos a nosa seguridade após a mudanza nesta configuración xeral da OTAN é un asunto á marxe e dependerá do que sexa en termos prácticos o resultado do acceso de Finlandia e Suecia á Alianza", apuntou.

Aliás, o viceministro de Exteriores de Rusia subliñou que o Goberno de Putin "non se vai resignar sen máis" e que esa hipotética adhesión provocará un "aumento" do "nivel xeral de tensión militar" e, en consecuencia, "a preditibilidade nesta zona será menor".

Na mesma liña, a portavoz do Ministerio de Exteriores, Maria Zajarova, apuntou que Europa "optou por cortar calquera canle de comunicación" con Rusia e que, polo tanto, agora ten "vía libre".

Albares: "A case segura adhesión de Finlandia e Suecia é histórica"

Pola súa parte, o ministro de Exteriores español, José Manuel Albares, defendeu tamén esta segunda feira que o cumio da OTAN que decorrerá en Madrid en xuño será "histórico" pola, "case con toda seguridade", integración de Finlandia e Suecia.

Comentarios