O Goberno ucraíno rexeita novas negociacións de cesamento do fogo

Valentina Matviyenko, presidenta do Consello da Federación rusa, sinalou que a reacción militar de Rusia ante a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN será "proporcional" e "adecuada". Croacia afirmou rexeitar a entrada de Suecia e Finlandia na alianza militar. Pola súa parte, Ucraína asegurou que non fará cesións territoriais para obter a paz con Rusia.
Oleksei Arestovich, asesor da Presidencia de Ucraína. (Foto: DPA)
photo_camera Oleksei Arestovich, asesor da Presidencia de Ucraína. (Foto: DPA)

O Goberno ucraíno anunciou esta quinta feira que non quere negociar con Rusia un alto o fogo, ao tempo que e exixiu a retirada completa das tropas rusas. Por contra, Moscova afirmou a súa dispoñibilidade para retomar as negociacións en canto Ucraína así o pida.

Ademais, o asesor da Presidencia ucraína, Oleksei Arestovich, sinalou que non cederán parte do seu territorio para pór fin á guerra nunha hipotética futura negociación con Rusia.

Rusia avisa dunha resposta "proporcional" á OTAN

Valentina Matviyenko, presidenta do Consello da Federación rusa, sinalou esta quinta feira que a reacción militar de Rusia ante a adhesión de Finlandia e Suecia á OTAN será "proporcional" e "adecuada". "En primeiro lugar, en termos militares, a reacción de Rusia será proporcional e adecuada á presenza da OTAN nos territorios destes dous estados, e ao tipo de armas despregadas", dixo Matviyenko.

A representante rusa explicou que a entrada destes Estados na OTAN "afectará negativamente o estado político de Europa e non lle agregará "estabilidade", xa que son países que demostraron "neutralidade" histórica, un consenso compartido en Europa.

Así mesmo, argumentou que esta decisión "non é soberana" e que se tomou "baixo a presión de Occidente", principalmente dos Estados Unidos de América e os países que conforman a Alianza Atlántica. "Está a moverse moi rápido. Nun tema tan serio e significativo. Nin sequera consideraron necesario realizar un referendo para pedir a opinión dos cidadáns destes países", indicou a representante rusa.

"Entristéceme que tal decisión dos dous Estados poida conducir a unha diminución no volume da nosa interacción e cooperación", indicou, agregando que "haberá unha oportunidade de reiniciar o diálogo" cando se complete a "operación militar especial".

O presidente croata rexeita a adhesión escandinava

O presidente de Croacia, Zoran Milanovic, confirmou que instará ao representante permanente do país balcánico ante a OTAN, Mario Nobilo, para que vote en contra da adhesión de Suecia e Finlandia ao bloque militar.

"Isto non sería un acto contra Finlandia e Suecia, senón en favor de Croacia", subliñou Milanovic. O presidente croata lembrou que Turquía "está por agora en contra" desa adhesión, o que demostra, segundo dixo, "como se comportan os Estados que se preocupan polos seus intereses e os seus obxectivos de política exterior e utilizan todos os instrumentos legais dispoñíbeis".

Milanovic mostrouse convencido de que a negativa de Croacia a aceptar aos dous países escandinavos na OTAN fará que a comunidade internacional preste atención aos intereses dos croatas étnicos en Bosnia e Herzegovina, e afirmou que esa é a única forma de resolver tal problema.

Comentarios