Ucraína confiscará os bens das persoas que "apoien" a Rusia

Volodimir Zelenski deu luz verde a unha nova lei para as expropiacións
WhatsApp Image 2022-05-23 at 8.33.45 PM (1)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski. (Foto: Europa Press)

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, asinou onte unha lei que permite a confiscación de propiedades das persoas que "apoien" a intervención rusa no país. "O procedemento de identificación e confiscación de bens das persoas sancionadas que, dunha ou outra forma, apoian a agresión dos ocupantes contra Ucraína, permitirá repor rápida e eficazmente o orzamento ucraíno á conta dos inimigos. A lei proporciona instrucións claras para os organismos responsábeis deste proceso", sinalou un comunicado presidencial.

A lexislación, en vigor desde onte, estabelece que o Ministerio de Xustiza rastrexará os activos de persoas físicas e xurídicas especificadas por decisións do Consello Nacional de Seguridade e Defensa de Ucraína.

Esta lexislación pode aplicarse a persoas físicas ou xurídicas, independentemente da súa nacionalidade, lugar de residencia e localización, que neguen ou apoien publicamente a "agresión militar" contra Ucraína ou a "ocupación" de parte do seu territorio. Tamén se inclúen aquelas persoas que non suspendan as súas actividades económicas en Rusia durante a vixencia da lei marcial en Ucraína.

O Parlamento ucraíno aprobou este domingo a prórroga da vixencia da lei marcial neste Estado, que ficará activa até, cando menos, 23 de agosto de 2022. A actual lei marcial ucraína supón a suspensión de actividades de 10 partidos políticos, entre eles, o principal partido da oposición, a Plataforma de Oposición-Pola Vida, que se sitúa no centro-esquerda e que obtivo 43 escanos na Rada ucraína. Antes, no ano 2015, o Goberno de Ucraína prohibiu os partidos comunistas.

Rusia non descarta trocar os presos de Azovstal

O viceministro de Exteriores ruso, Andrei Rudenko, afirmou onte que Rusia non descarta trocar os presos ucraínos de Azovstal por soldados rusos, unha petición recorrente das autoridades ucraínas.

Comentarios