Kiev asegura que non hai motivos para crer nunha invasión rusa

No medio do despregue militar da OTAN arredor de Rusia, Ucraína corrobora as negativas rusas á suposta invasión, e sostén que non hai motivos para "entrar en pánico".
O presidente de Ucraína, Volodimir Zelensky, visita as tropas no leste do país. (Foto: Presidencia de Ucraína)
photo_camera O presidente de Ucraína, Volodimir Zelensky, visita as tropas no leste do país. (Foto: Presidencia de Ucraína)

Malia que a Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) está impulsando un despregue militar no leste de Europa coa xustificación de prepararase a unha eventual invasión rusa a Ucraína, desde Kiev manteñen que non “hai motivos para que entremos en pánico”.

Alexei Danilov, secretario do Consello de Seguridade Nacional e Defensa do país, sostivo esta segunda feira que un ataque ruso “é imposíbel fisicamente, hai movemento de tropas rusos no seu territorio? Si, hainos, e non é unha nova para nos”, apuntando que “quizais é unha nova para os nosos socios estranxeiros”.

Asemade, incidiu en que “ultimamente aconteceron moitos sucesos informativos no noso país. Moita ficción paramilitar aparece nos medios”, polo que reiterou “un chamamento a todos vostedes, amigos e colegas, para que reduzan un pouco a intensidade que existe hoxe.”

Amais, fixo fincapé en que “a situación que hai é moi clara para nós, até o de agora non hai motivos para que entremos en pánico”.

Nese sentido, restou importancia á retirada dos diplomáticos dos Estados Unidos, Reino Unido e Alemaña, asegurando que até 49 embaixadas manteñen a normalidade.

Pola outra parte, a voceira do Ministerio de Asuntos Exteriores ruso, Maria Zajarova, asegurou que “Kiev leva dous día suplicando [aos Estados Unidos] que rebaixen a súa retórica, pero Washington segue a súa propia liña”.

A axencia Reuters detallou que até o de agora a OTAN estabeleceu arredor de 4.000 efectivos militares en batallóns multinacionais en Estonia, Lituania, Letonia e Polonia, con 8.500 soldados dos Estados Unidos (EUA) preparándose para unirse á campaña militar.

Rusia nega a invasión

A organización militar encabezada polos EUA acusa Rusia de ter 100.000 soldados na fronteira con Ucraína programando unha grande ofensiva, non obstante, o chanceler ruso, Serguei Lavrov, insistiu en que esa suposta invasión é falsa, así como en que o seu país nunca ameazou o pobo ucraíno.

Esta escalada de tensión militares dáse no medio do aumento de exportacións de gas natural de Estados Unidos á Unión Europea, superando por primeira vez os volumes de importación do gas natural ruso e cando está bloqueado pola Administración alemá a entrada en funcionamento do gasoduto Nord Stream 2, que aumentaría a capacidade de importación da UE con respecto ao gas ruso, é dicir, a un prezo máis accesíbel que no caso dos EUA, que ten que transportalo por vía marítima.

Comentarios