A OTAN aumenta a súa presenza militar no leste de Europa e os 'prorrusos' advirten dunha ofensiva ucraína

Fontes gobernamentais da República Popular de Donetsk (RDP) advirten dunha ofensiva do Exército ucraíno, que di que a mobilización de tropas na zona responde a "manobras militares programadas con antelación".
Un voluntario das milicias ucraínas de Kiev, este domingo (Foto: Sean Gallup).
photo_camera Un voluntario das milicias ucraínas de Kiev, este domingo (Foto: Sean Gallup).

A Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN) mobilizou nas últimas datas senllos medios militares para reforzar a súa presenza no leste de Europa, no marco da crecente tensión entre Moscova e Washington con Ucraína no punto de mira.

Así o confirmou a propia organización militar a través dun comunicado de prensa. O seu secretario xeral, Jens Stoltenberg, reiterou que a OTAN "sempre responderá" ante calquera "deterioro" da súa "contorna de seguridade", e "non renunciará" a aumentar a súa "defensa colectiva".

Cómpre lembrar a respecto desta cuestión que o buque Blas de Lezo partiu o pasado sábado de Ferrol rumbo ao mar Negro e, por outra parte, o Estado español avanzou tamén o envío de cazas de combate.

Aliás, Dinamarca, Lituania e Países Baixos confirmaron que achegarán material militar, mentres Francia anunciou a mobilización de tropas cara a Romanía.

Pola súa parte, as forzas occidentais acusan Rusia de ter posicionado máis de 100.000 militares na fronteira deste país con Ucraína.

Donetsk

Noutra orde, fontes gobernamentais da República Popular de Donetsk (RPD) denunciaron esta segunda feira que o Exército ucraíno está a artellar unha ofensiva sobre a rexión de Donbass, no leste do país.

Así, sinalaron que os mandos das Forzas Armadas de Ucraína terían recibido ordes de ficar nos postos de despregamento provisional ,mentres nos hospitais "dan de alta urxentemente os condutores de tanques". "Tamén recibimos informes de que uns 40 militares das forzas especiais ucraínas adestrados por asesores británicos están a dirixirse cara a Avdeevka —a varios quilómetros de Donetsk— para estudar a situación", alertaron, en declaracións recollidas pola axencia Europa Press.

Porén, o Exército ucraíno asegurou que todas as concentracións de tropas na zona responden unicamente a "manobras militares programadas con antelación".

Comentarios