Alemaña abala entre a súa dependencia enerxética de Rusia e a lealdade á OTAN

O encontro diplomático que a ministra de Exteriores alemá, Annalena Baerbock, mantivo nesta terza feira en Moscova co seu homólogo ruso, Sergei Lavrov, foi precisamente iso: diplomático. Na balanza os lazos que unen os dous países e os reproches polos sucesos na fronteira con Ucraína e o atraso na aprobación do gasoduto Nord Stream 2. 
EuropaPress_4201251_handout_18_january_2022_russia_moscow_russian_foreign_minister_sergey
photo_camera O ministro de Exteriores ruso, Sergei Lavrov, e a súa homóloga alemá, Annalena Baerbock, fronte a fronte, onte en Moscova (Foto: Ministerio de Exteriores de Rusia / dpa)

Así, na conferencia de prensa conxunta, houbo frases aduladoras ─Alemaña estará "eternamente agradecida" pola participación de Rusia na derrota do nazismo, dixo ela─; e el, nun ton conciliador, afirmou que a conversa mostrara a posibilidade de camiñar paseniñamente na dirección positiva, segundo informacións das axencias de noticias alemá Deutsche Welle e rusas TASS e Sputnik

Ambos manifestaron a aposta decidida polo diálogo. "Estamos dispostos a estabelecer un diálogo serio sobre acordos mutuos e medidas que reforcen a nosa seguridade europea, melloren a seguridade das persoas en Riga, Bucarest, Berlín e San Petersburgo", sinalou Baerbock. 

"Confirmei a nosa intención de cooperar en todos os ámbitos co novo Goberno de Alemaña para superar os problemas que se acumularon nas relacións entre os nosos países, que son moitos", apuntou Lavrov.

O ministro ruso salientou que "Alemaña actúa constantemente contra nós" en asuntos internacionais. Lembrou que é o centro loxístico das tropas estadounidenses en Europa e que Berlín apoia as sancións da UE contra Moscova. Tamén acusou o Goberno alemán de involucrar o Kremlin no asasinato dun "terrorista" , en referencia á morte do ex militar checheno Zelimkhan Khangoshvili nun parque berlinés en 2019.

Ucraína

Os reproches deberon ser abondos de portas para dentro, tamén pola parte alemá. Na véspera, Baerbock afirmaba desde Kiev que "cada novo acto agresivo terá un alto prezo para Rusia, desde o punto de vista económico, estratéxico e político". A declaración chegaba tras as conversas entre Occidente e Rusia da semana pasada polo despregue por parte de Moscova de miles de militares ao longo da fronteira con Ucraína. 

Baerbock avogou por "insuflar vida" as conversas de Normandía (Ucraína, Rusia, Alemaña e Francia). Lavrov matizou que Berlín debería presionar para que Kiev "cumpra cos compromisos" alcanzados nas negociacións previas, agora estancadas. Por exemplo: estabelecer un status especial para a rexión pro rusa de Donbass e pór en marcha un proceso electoral.

Alemaña vén dando apoio diplomático a Ucraína desde que en 2014 Rusia se apoderou de Crimea e ofreceu apoio aos separatistas de Donbass. Porén, o conflito territorial choca cos intereses económicos e a dependencia enerxética alemá ─e europea─ de Rusia. Aí as diferenzas con Ucraína son importantes. Polo menos durante os Gobernos de Angela Merkel. 

Nord Stream 2

A ex chanceler fixo unha forte aposta polo Nord Stream 2, o gasoduto que transportará gas ruso a territorio alemán polo fondo do mar Báltico ─eludindo territorio ucraíno─. Un proxecto que mesmo causou unha forte controversia entre Berlín e Washington, que como Kiev cre que socava a seguridade e independencia enerxética europeas. 

Bruxelas publicou o 31 de decembro un novo documento coa clasificación de investimentos sostíbeis, incluíndo o gas e a nuclear como enerxías "verdes". Decisión que responde á presión exercida por Francia ─75% da enerxía que produce é nuclear─ e Alemaña, cun Nord Stream 2 ás portas de ser aprobado.

A entrada, da man de Baerbock, no Goberno alemán dos ecoloxistas ─opostos á queima de máis gas─, así como a crise na fronteira ucraína puxeron en compás de espera a licitación final do gasoduto. O Goberno ruso exixiu non politizar "nin atrasar artificialmente" a certificación do Nord Stream 2. 

Baerbock, que sostén que este proxecto ─privado─ incumpre a normativa enerxética UE, advertiu ante Lavrov que Alemaña porá valores por diante de economía, "mesmo se significa pagar un alto prezo económico". "En caso de que a enerxía se use como arma, iso terá consecuencias no gasoduto", engadiu.

Idéntica advertencia á realizada tamén nesta terza feira polo chanceler alemán, o socialista Olaf Scholz, tras se reunir co secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg, en Berlín: Nord Stream 2 poderíase frear se Rusia ataca Ucraína.

Comentarios