Israel asasina dous palestinos após a decisión da ONU de investigar o apartheid

Na terra que alumeou as crenzas cristiás vinculadas ao Nadal 2023 comezou como rematou 2022, loitando por vivir entre a represión israelí.
Sven Kuehn von Burgsdorff, da UE, visitou Cisxordania en decembro. Bruxelas non apoiou a investigación contra Israel. (Foto: Mamoun Wazwaz / APA Images via ZUM / DPA)
photo_camera Sven Kuehn von Burgsdorff, da UE, visitou Cisxordania en decembro. Bruxelas non apoiou a investigación contra Israel. (Foto: Mamoun Wazwaz / APA Images via ZUM / DPA)

Na madrugada do segundo día de 2023, o Exército israelí asasinou os primeiros palestinos deste exercicio, após acabar o ano con máis mortes en Cisxordania desde o final da Segunda Intifada, con cando menos 171 palestinos executados, superando os 200 en toda Palestina se engadimos as 49 mortes en Gaza durante os ataques israelís en agosto, recoñecidos como unha guerra preventiva. Arredor de medio centenar das defuncións corresponden a crianzas.

O Ministerio de Sanidade palestino reportou o falecemento de Mohammad Samer Hoshiyeh e Fouad Mohammad Abed, de 22 e 25 anos, mentres que unha terceira persoa se atopa en estado crítico despois de ser disparadas polos militares, outras dúas persoas están feridas.

A poboación da zona enfrontouse a unha “incursión militar israelí a grande escala”, explica Al Jazeera, na que participaron as forzas especiais do Exército de Israel, co obxectivo de demoler dúas casas en Kufr Dan, unha aldea perto de Xinín, en Cisxordania.

Castigo colectivo

As vivendas pertencían a dous palestinos asasinados o 14 de setembro de 2022 nun control militar israelí tras atacar o posto, matando un soldado israelí. Estas demolicións son unha práctica usual de Tel Aviv e están consideradas polas autoridades palestinas e as organizacións de defensa dos dereitos humanos como un castigo colectivo.

Malia a resistencia dos palestinos agredidos as casas finalmente foron derrubadas con explosivos. Os militares israelís aduciron como é habitual que atacaron ao recibir disparos, pedras e bombas incendiarias mentres acababan coas propiedades palestinas, 851 correron a mesma sorte en 2022.

Porén, a Oficina do Alto comisionado das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos ratificou en distintas ocasións que Israel adoita “usar armas de fogo contra palestinos por mera sospeita ou como medida de precaución, en violación das normas internacionais”.

As incursións militares no territorio palestino multiplicáronse desde marzo de 2022 como un intento israelí de acabar coa resistencia entre a mocidade palestina, que impulsou novas organizacións para combater a represión de Tel Aviv, sen afiliación partidista ou obxectivo político máis alá de acabar co apartheid israelí.

Mohammad Shtayyeh, primeiro ministro palestino, reclamou “medidas inmediatas” á comunidade internacional para protexer a poboación palestina, instando a non permitir que “os responsábeis sigan cometendo crimes sen temor a ter que render contas ou ser castigados”, poucos días despois da toma de posesión do novo Goberno de Israel, conformado por partidos de extrema dereita e ultra ortodoxos.

O programa desas forzas inclúe aumentar os asentamentos de colonos israelís en territorio palestino. A ONU estima que 630.000 israelís foron fixados para fragmentar Palestina. 2022 tamén marcou un récord de ataques violentos de colonos á poboación palestina -protexidos polo Exército-, case 800.

O novo Executivo de Israel, liderado por Benjamin Netanyahu, recibiu a condena internacional por reiterar que intensificará a implantación desas políticas, nunha votación pouco antes do final de 2022 na Asemblea Xeral da ONU na que, con 87 votos a favor, 26 en contra e 53 abstencións, aprobouse solicitar á Corte Penal Internacional que estude a legalidade da “prolongada ocupación e anexión de territorios palestinos”.

O tribunal investigará a alteración da composición demográfica de Palestina desenvolta por Israel, o que está cualificado como un crime de guerra, baseada nunha discriminación relixiosa para impor unha maioría de poboación que profese o xudaísmo.

A resposta do embaixador de Israel na ONU, Gilad Erdan, foi concluír “ilexítima” calquera decisión ao respecto e corroborar que os organismos internacionais non poden decidir nada sobre o que considera a “patria” do “pobo xudeu”. “Chegou o momento de que Israel faga fronte á lei”, apuntou Nabil Abu Rudeine, voceiro do presidente palestino, Mahmud Abbas.

Os Estados Unidos votaron en contra, xunta os membros da Unión Europea, que ou negaron o apoio ou se abstiveron, mentres Rusia e a China apoiaron a proposta palestina.

Comentarios