Israel asasina o futbolista palestino Ahmad Atef Daragmah

Foi sorprendido no marco dunha operación israelita para "buscar terroristas" en Cisxordania.
O palestino Ahmad Atef Daragmah. (Foto: Palestina Hoy)
photo_camera O palestino Ahmad Atef Daragmah. (Foto: Palestina Hoy)

Hai apenas uns días o técnico do Celta, Carlos Carvalhal, facía un chamamento nas súas redes sociais ante a suposta condenada a morte por parte do réxime iraniano —este último di que aínda non ditaminou sentenza algunha— do futbolista Amir Nasr-Azadani por participar nas manifestacións que sacudiron o país islámico nas últimas semanas: "Mundo do fútbol, esperta! Alguén da nosa tribo morrerá só porque pensa diferente".

Outro membro desa "tribo do fútbol" da que falaba o preparador celeste no seu chío xa non está entre os vivos, pois vén de ser asasinado polas forzas de seguridade de Israel.

Trátase do dianteiro palestino de 23 anos Ahmad Atef Daragmah, unha das referencias ofensivas do Thaqafi Tulkarem, sexto clasificado da West Bank Premier League de Cisxordania.

Autor de seis tantos no que vai de tempada 2022/23, a súa derradeira grande actuación individual foi o pasado 4 de novembro na casa do Al Amari, onde asinou un dobrete.

Segundo a axencia palestina de noticias WAFA, a pasada cuarta feira, nos arredores de Nablus, e no marco dunha serie de operacións levadas a cabo polos israelitas en Cisxordania para "buscar terroristas", protagonizaron unha serie de enfrontamentos cos habitantes da zona na que Ahmad Atef Daragmah atopou a morte nuns disparos efectuados polas forzas de ocupación.

Comentarios