O exército de Israel asasina unha rapaza palestina de 16 anos durante un ataque á cidade de Xinín

No que vai de 2022 as forzas sionistas asasinaron 210 palestinos, entre eles 50 menores de idade.
Axentes israelís patrullan as rúas de Xerusalen. (Foto: Europa Press)
photo_camera Axentes israelís patrullan as rúas de Xerusalen. (Foto: Europa Press)

Forzas de seguridade israelís asasinaron unha adolescente de 16 anos durante unha incursión na cidade de Xinín, ocupada polas forzas sionistas, segundo informou na madrugada desta segunda feira o Ministerio de Saúde palestino.

A entidade sanitaria reportou que a rapaza asasinada, Jana Majdi Issam, morreu tras recibir un disparo na cabeza, efectuado por soldados israelís cando irromperon na cidade co pretexto de capturar "tres sospeitosos de participar en actividades terroristas".

Diversas fontes indican que militantes da resistencia local palestina combateron o asalto dun gran número de forzas da unidade especial de Israel, enfrontamentos que acabaron con outros tres cidadáns palestinos feridos.

Resposta de Israel

“Estamos ao tanto dos informes sobre unha muller palestina morta. O incidente está baixo revisión”, respondeu respecto do asasinato un portavoz do exército sionista.

As tropas israelís realizan incursións frecuentes en territorio palestino, especialmente en Xinín e Nablus, no medio da reacción de poboadores e combatentes palestinos en desacordo coa ocupación, a demolición de estruturas e vivendas, o desaloxo e a impunidade dos asasinatos.

210 asasinatos no que vai de 2022

No que vai de 2022 as forzas sionistas asasinaron 210 palestinos, entre eles 50 menores de idade, sobre todo no territorio ocupado: Xerusalén oriental e a faixa de Gaza.

Comentarios