Palestina denuncia actitudes que incitan á "limpeza étnica" por parte do Goberno israelí

"De forma urxente, a comunidade internacional debe garantir a protección do pobo palestino perante a campaña israelí de desposesión e desprazamento, colonización e anexión, limpeza étnica e persecución", puntualizou o Ministerio de Exteriores palestino.
O ministro de Asuntos Exteriores palestino, Riyad Al- Maliki (Foto: Hannibal Hanschke / Reuters Images / DPA).
photo_camera O ministro de Asuntos Exteriores palestino, Riyad Al- Maliki (Foto: Hannibal Hanschke / Reuters Images / DPA).

O Goberno palestino criticou as "liñas políticas" do novo Executivo en Israel e afirmou que son "anexionistas, violentas, racistas e de incitación á limpeza étnica", despois de que Benjamin Netanyahu tomase posesión na quinta feira como primeiro ministro á fronte dunha coalición que integra a varios partidos ultradereitistas e ultraortodoxos.

"O Estado de Palestina considera esta axenda supón unha ameaza existencial ao pobo palestino e aos seus dereitos inalienábeis e inviolábeis", manifestou o Ministerio de Exteriores palestino nun comunicado, no que recalca que "a comunidade internacional debe asumir as súas responsabilidades e rexeitar calquera acordo cun Goberno decidido a cometer crimes internacionais, entre eles a anexión, a persecución política e a discriminación racial".

Así, subliñou que "a coalición de racistas e negacionistas declarados está a adoptar sen arrepentimento ningún unha axenda de expansión colonial, discriminación racial e apartheid, á vez que demostra o seu total desdén á comunidade internacional, o Dereito Internacional, as resolucións de Nacións Unidas e o consenso internacional para a paz".

"Os estados non deben dar credenciais ou lexitimidade a esta deplorábel plataforma de Goberno, que supón a antítese dos valores e principios políticos da orde internacional baseada en leis e os principios á autodeterminación, a integridade territorial, a soberanía e a independencia política", explicou.

Por iso, o Goberno palestino fixo fincapé en que "a paz e a seguridade internacionais están baixo ataque" e engadiu que isto "require unha mobilización internacional rápida e inequívoca a nivel bilateral e multilateral, incluído o Consello de Seguridade [da ONU]".

"Garantir a protección de Palestina"

"De forma urxente, a comunidade internacional debe garantir a protección do pobo palestino perante a campaña israelí de desposesión e desprazamento, colonización e anexión, limpeza étnica e persecución", puntualizou o Ministerio de Exteriores palestino.

"A obtención dos nosos dereitos humanos inalienábeis, incluído o noso dereito lexítimo a existir e vivir na nosa patria non son negociábeis. A materialización destes dereitos son obrigacións vinculantes de todos os estados. Calquera derrogación destas obrigacións é simplemente inescusábel", remachou.

O Goberno de Netanyahu

Netanyahu tomou posesión na quinta feira, regresando ao poder tras pouco máis dun ano e medio na oposición.

A coalición encabezada polo Likud está integrada por varios partidos ultraortodoxos e ultradereitistas, o que xerou preocupación sobre un aumento da polarización social e dun posíbel conflito a grande escala cos palestinos.

Comentarios