Achégase unha escalada do conflito? Fontes estadounidenses aseguran que a resposta de Irán contra Israel é inminente

Especúlase cun ataque nas próximas horas.
Palestinos reciben os corpos das e dos seus familiares asasinados por Israel en Gaza, a terza feira. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)
photo_camera Palestinos reciben os corpos das e dos seus familiares asasinados por Israel en Gaza, a terza feira. (Foto: Naaman Omar / Europa Press / Contacto)

Citando dous membros do funcionariado estadounidense, a canle CBS reportou a sexta feira que “en apenas unhas horas” podería producirse un ataque de Irán directamente contra Israel, como represalia polo bombardeo israelí do seu consulado en Damasco, a capital siria, no que asasinou 16 persoas, entre elas sete asesores militares iranianos, incluíndo dous xenerais de brigada do seu Exército.

O medio trasladou que “posibelmente incluiría máis de 100 drones e ducias de mísiles dirixidos a obxectivos militares dentro do país”, abrindo a porta a que outros grupos do Eixo da Resistencia en defensa de Palestina participen no ataque.

Tamén o xornal The Wall Street Journal informou onte desta posibilidade, baseándose na información proporcionada por un funcionario de Washington e por axencias gobernamentais, mais indicando que a resposta iraniana podería demorarse até 48 horas. Ao tempo, traslada que un funcionario iraniano comunicou que as autoridades aínda non determinaron como será a represalia e están a valorar aínda o “risco político”. A cuarta feira, a axencia Bloomberg xa recalcara que os Estados Unidos catalogaran como “inminente” o ataque.

Pola súa parte, Irán, que reiterou que habería unha resposta á agresión israelí, que violou a Convención de Viena e está considerada como un ataque directo contra territorio soberano iraniano, subliñou que “se o Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU) tivera condenado o acto de agresión” e “levara ante a Xustiza os seus responsábeis podería terse obviado o imperativo de Irán de castigar” o réxime de apartheid sionista.

O ataque de Israel, no marco da presión cada vez maior contra os sionistas para que poñan fin ao xenocidio que están a perpetrar en Gaza, denunciado por persoas expertas da ONU, supón unha escalada, ratificou Ali Vaez, do International Crisis Group, que detallou que Israel busca ampliar o conflito cando “sabe que Irán non quere verse arrastrado a unha guerra rexional”.

Neste contexto, “se intensifica os seus ataques contra activos e persoal iraniano en Siria, probabelmente non terá costo algún, e se Irán responde e toma represalias entón convértese nun pretexto xustificado para ampliar a guerra”. De feito, os Estados Unidos, principal aliado e provedor armamentístico israelí, salientou o apoio fechado ao réxime de apartheid fronte a unha potencial resposta iraniana, e distintos países occidentais dirixíronse a Irán para demandarlle contención, o mesmo que fixo Rusia mais ampliando a reclamación a Israel.

Pola súa parte, o primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, insistiu en que atacarán Irán no caso de represalias contra o seu territorio, e o titular de Defensa, Yoav Gallant, aseverou que están a traballar “ombro con ombro” con Washington para afrontar a situación.

En paralelo, proseguiron os bombardeos israelís contra Gaza, onde 33.634 palestinas e palestinos, máis de 40% crianzas, foron asasinados polas tropas de Israel desde outubro.

Ademais, a Organización Mundial da Saúde (OMS) detallou após avaliar a situación en Khan Younis, no centro de Gaza, con posterioridade á retirada dos militares sionistas da área, que a destrución causada ás instalacións sanitarias foi “desproporcionada con respecto a calquera cousa que se poida imaxinar”.

Comentarios