Israel, en alerta máxima perante posíbeis represalias iranianas: "Agárdannos días complexos"

Máis de 60% das vivendas de Gaza foron destruídas até o momento por mor dos incesantes bombardeos israelíes.
Crianzas feridas por Israel. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)
photo_camera Crianzas feridas por Israel. (Foto: Naaman Omar / Zuma Press / ContactoPhoto)

Aharon Haliva, que encabeza a Intelixencia militar israelí, advertiu que “nos agardan días complexos”, informou a quinta feira a prensa sionista, detallando que están nun “alto nivel de alerta ante o risco dun ataque” de Irán para “vingarse” polo asasinato de sete militares, incluídos dous xenerais, no bombardeo israelí do consulado de Irán en Damasco, a capital siria, esta semana.

O xornal Haaretz, “baseándose en todos os sinais e advertencias que chegan” desde Irán, resolveu que o país persa está “decidido” a lanzar represalias. Amais, Amos Yadlin, ex líder da Intelixencia israelí, apuntou que “non me sorprendería que Irán actuase mañá [pola sexta feira]”, sinalando que se podería producir un ataque directo ou por medio dalgunha organización próxima a Tehran na rexión.

Asemade, o Exército sionista fixo un chamamento a reservistas, prohibiu os permisos nas unidades de combate e demandou ás súas sedes diplomáticas no exterior que reforcen a seguridade. En paralelo, multiplícanse os reportes de interferencias na rede GPS efectuadas polos militares.

No Consello de Seguridade da Organización das Nacións Unidas (ONU), os Estados Unidos, o Reino Unido e Francia bloquearon unha declaración de condena ao ataque contra o consulado iraniano, que viola as leis internacionais e supón unha agresión contra territorio soberano de Irán, cometida por Israel co obxectivo de escalar a nivel rexional a súa agresión contra Gaza, que persoas expertas da ONU cualifican de xenocidio.

Precisamente no Reino Unido, 600 xuristas, incluídos tres ex membros da Corte Suprema, reclamaron ao Goberno conservador que suspenda a venda de armas a Israel, advertindo que as entregas poden converter o Estado en cómplice do xenocidio en Gaza, “así como de graves violacións do dereito internacional humanitario”.

En Gaza, a cifra de palestinas e palestinos asasinados por Israel desde outubro supera as 33.000, máis de 40% eran nenas e nenos. A agresión lanzada polo Goberno de ultradereita sionista destruíu máis de 60% das vivendas do enclave, 392 instalacións educativas, 123 ambulancias ou 184 mesquitas.

O embaixador palestino na ONU, Riyad Mansour, asegurou que “xa é hora” de que Palestina sexa aceptado como membro de pleno dereito do organismo internacional. Porén, Washington confirmou que vetará a iniciativa, e aduciu que a súa lexislación recolle que se a ONU aproba a integración palestina sen a existencia dun acordo con Israel cortará calquera financiamento ao sistema da ONU.

Comentarios