Polo menos cinco mortos nun ataque israelí a Damasco que destruíu o Consulado de Irán

O obxectivo serían altos cargos iraníes que se atoparían entre os falecidos.
Vista xeral de Gaza após ataques israelís (Foto: Mohammed Abu Elsebah / dpa).
photo_camera Vista xeral de Gaza após ataques israelís (Foto: Mohammed Abu Elsebah / dpa).

Un mínimo de cinco persoas morreron esta segunda feira por mor dun bombardeo executado polo Exército de Israel sobre as dependencias do Consulado de Irán na capital de Siria, Damasco. Un edificio anexo ao Consulado foi destruído e entre os falecidos habería "altos cargos iraníes", alén de varias persoas feridas, segundo denuncian desde o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos.

"Fortes explosións escoitáronse en toda a capital resultantes da agresión mentres as defensas aéreas foron activadas para interceptar os proxectís", informa un correspondente da axencia de noticias siria SANA despregado sobre o terreo. As autoridades sirias non tardaron en reaccionar: "Condenamos con toda contundencia esta atroz agresión terrorista contra a sede do Consulado iraní en Damasco que causou a morte de varios inocentes", dixo o ministro de Exteriores, Faisal Mekdad.

A zona na que se produciu o ataque, o barrio de Mezé, en Damasco, estaba nese momento "ateigada de civís", denuncian desde a televisión pública iraní, Al-Alam. Desde o Observatorio contabilizan até 30 ataques das Forzas Armadas israelíes sobre territorio sirio no que vai de ano, dos que 22 foron aéreos e os oito restantes, terrestres, principalmente contra almacéns de munición e armamento, vehículos e sedes oficiais.

Comentarios