Iowa dá comezo ás primarias para as presidenciais nos Estados Unidos: cal é o calendario electoral?

O ex mandatario Donald Trump, o favorito no Partido Republicano.
Ron DeSantis, Donald Trump e Niki Haley, candidatos republicanos nas primarias de Iowa que dan o disparo de saída á carreira electoral. (Fotos: Europa Press)
photo_camera Ron DeSantis, Donald Trump e Nikki Haley, candidatos republicanos nas primarias de Iowa que dan o disparo de saída á carreira electoral. (Fotos: Europa Press)

700 locais do Estado estadounidense de Iowa prevén acoller esta madrugada as reunións electorais para escoller a candidatura do Partido Republicano, no inicio oficial do proceso de primarias para as eleccións presidenciais do 5 de novembro.

Nestas xuntanzas, caucus, tíñanse que elixir as e os representantes do territorio para a convención entre o 15 e o 18 de xullo na que os republicanos determinarán o seu contendente nuns comicios nos que se enfrontará de forma previsíbel ao actual mandatario, Joe Biden, que apenas ten oposición no seo do Partido Demócrata, polo que toda a atención está posta nas primarias republicanas.

Trump, en cabeza

A media das enquisas efectuada polo xornal The Hill sitúa o ex presidente entre 2017 e 2021, Donald Trump, con até 64% das preferencias perante as primarias, moi por diante dunha segunda praza que se disputan o gobernador de Florida, Ron DeSantis, e Nikki Haley, embaixadora na Organización das Nacións Unidas (ONU) con Trump, na contorna de 12%.

En Iowa, onde o frío levou á suspensión dos últimos días de campaña e á hora das votacións a temperatura estimada era inferior aos -20ºC, os traballos demoscópicos adiantaban que Trump recibiría máis de 50% dos apoios.

Primarias demócratas

No que atinxe ao Partido Demócrata, as primarias en Iowa desenvolveranse a través do voto por correo e os resultados serán difundidos o 5 de marzo. A súa candidatura será ratificada nunha convención entre o 19 e o 22 de agosto, antes do comezo en setembro dos debates entre as persoas aspirantes á Presidencia estadounidense.

Comentarios