Comeza de forma oficial a investigación para un xuízo político contra Joe Biden

O fillo do presidente, Hunter, négase a declarar na Cámara de Representantes.
O presidente estadounidense, Joe Biden, a pasada semana. (Foto: Michael Brochstein / Europa Press / Contacto)
photo_camera O presidente estadounidense, Joe Biden, a pasada semana. (Foto: Michael Brochstein / Europa Press / Contacto)

A Cámara de Representantes estadounidense, cuxa maioría controla o Partido Republicano, aprobou formalizar a investigación para efectuar un xuízo político contra o presidente Joe Biden, do Partido Demócrata, logo do comezo en setembro das pescudas por decisión do daquela presidente da Cámara Baixa, Kevin McCarthy, que con posterioridade foi substituído polo tamén republicano Mike Johnson, recolleron na madrugada de hoxe medios internacionais.

A investigación centrarase en desvelar se o actual mandatario obtivo beneficios dos negocios do seu fillo, Hunter Biden, no estranxeiro, con especial énfase no período entre 2009 e 2017, cando Biden foi vicepresidente de Barack Obama. Johnson divulgou que as indagacións concluíron que a familia Biden recibiu case 14 millóns de euros procedentes de Gobernos ou empresas de Ucraína, Rusia, Kazhakhstán, Romanía e a China entre 2014 e 2019.

James Comer, presidente do Comité de Vixilancia da Cámara de Representantes, que coordina as pescudas con outros dous Comités, insistiu en que a “Casa Branca está a bloquear testemuños chave”.

Pouco antes da votación, Hunter non asistiu a unha audiencia convocada a porta fechada para que explicase os feitos, reiterando que só o faría nunha audiencia pública. O presidente reaccionou á decisión da Cámara Baixa acusándoa de “perder o tempo” nun proceso “sen fundamento”.

Eleccións presidenciais de 2024

Aínda que finalmente sexa aprobado desenvolver un xuízo político tería que decorrer no Senado, onde os demócratas teñen a maioría, mais o procedemento solaparase coa campaña electoral de 2024, na que Biden buscará a reelección, de forma previsíbel contra o republicano Donald Trump.

Comentarios