Problemas para Trump: Colorado veta a súa participación nas primarias e as presidenciais por "insurrección"

O Tribunal Supremo dos Estados Unidos terá a última palabra.

O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Laura Brett / Europa Press / Contacto)
photo_camera O ex presidente estadounidense Donald Trump. (Foto: Laura Brett / Europa Press / Contacto)

O Tribunal Supremo do Estado estadounidense de Colorado, composto por maxistradas e maxistrados nomeados por gobernadores do Partido Demócrata, sentenciou na madrugada de hoxe que o ex presidente entre 2017 e 2021, Donald Trump, do Partido Republicano, non pode presentarse ás eleccións primarias da formación no territorio por estar “descualificado” ao participar nunha insurrección, en alusión ao intento de golpe de Estado de xaneiro de 2021.

O veredicto tamén impediría a presenza de Trump, que de forma previsíbel será o candidato escollido polos republicanos, nas papeletas dos comicios presidenciais de 2024.

Risco de contaxio

Aínda que Trump foi derrotado en 2020 en Colorado polo actual mandatario Joe Biden, e non precisaría da vitoria no Estado para imporse nas presidenciais, corre o risco de que máis territorios avalen as ducias de demandas presentadas ao longo do país neste sentido.

Ter participado nunha insurrección é a única vía que a lexislación dos Estados Unidos ofrece para vetar algunha candidatura nunhas eleccións. Ao tempo, a corte suspendeu a aplicación da decisión até o 4 de xaneiro, para brindar tempo ao Tribunal Supremo estadounidense a pronunciarse, pois o día 5 comeza a impresión das papeletas para as eleccións primarias das presidenciais.

Apelación

Ronna McDaniel, presidenta do Comité Nacional Republicano, definiu a resolución como unha “interferencia electoral”, e Alina Habba, voceira legal de Trump, anunciou que será recorrida e que “ataca o corazón mesmo da democracia”.

Segundo as enquisas, Trump está por diante de Biden, que buscará a reelección, nos sete Estados considerados chave para garantir o triunfo nos comicios.

Comentarios