Maine, segundo Estado que veta a presenza de Trump nas presidenciais

Segue o exemplo do Supremo de Colorado
Donald Trump a cuarta feira nun acto de campaña en Florida. (Foto: Joe Burbank / Europa Press / Contacto)
photo_camera Donald Trump a cuarta feira nun acto de campaña en Florida. (Foto: Joe Burbank / Europa Press / Contacto)

Shenna Bellows, secretaria de Estado do territorio estadounidense de Maine, gobernado polo Partido Demócrata, resolveu na madrugada de hoxe que o ex presidente entre 2017 e 2021, Donald Trump, non poderá presentarse ás primarias do Partido Republicano no Estado, o que tamén impide a súa participación na demarcación nos comicios presidenciais de 2024 se, como é previsíbel, acaba sendo elixido como candidato republicano.

Deste xeito, Maine segue Colorado, onde o Tribunal Supremo tomou a mesma decisión a pasada semana. En ambos os dous casos a medida foi argumentada en que o ex mandatario participou nunha insurrección o 6 de xaneiro de 2021, data do asalto dos seus seguidores 
ao Congreso. A insurrección é a única vía para inhabilitar unha candidatura electoral.

Pola outra banda, a Xustiza de Estados como Michigan ou Arizona avalou que Trump se presente ás eleccións. Sexa como for, a última palabra teraa o Supremo federal, dominado por maxistradas e maxistrados designados por presidentes do Partido Republicano.

Comentarios