A guerra en Ucraína, en directo

Toda a información actualizada minuto a minuto sobre a guerra en Ucraína.

Bombardeos en Kharkiv e Kiev e construción de barricadas en Odesa, esta terza feira (Fotos: Ukrinform - Konstantin Mihalchevskiy/Sputnik).
photo_camera Bombardeos en Kharkiv e Kiev e construción de barricadas en Odesa, esta terza feira (Fotos: Ukrinform - Konstantin Mihalchevskiy/Sputnik).

🔴 [EN DIRECTO]

20.33 | Serbia non permitirá o transporte de armas a Ucraína polo seu territorio

O presidente de Serbia, Aleksandr Vucic, anunciou que o seu país non permitirá o transporte de armas a Ucraína a través do seu territorio, nin tampouco enviará armamento. Serbia, que é candidata a entrar na Unión Europea (UE), mantén tamén boas relacións cos Gobernos ruso e chinés. 

19.59 | O corresponsal español Alberto Sicilia notifica unha "explosión moi forte" no interior de Kiev

O corresponsal español para medios escritos, de radio e de televisión, Alberto Sicilia, notificou unha "explosión moi forte" no interior de Kiev durante unha conexión en directo para unha canle estatal. 

19.33 | Rusia e Ucraína reuniranse finalmente na quinta feira para proseguir coas negociacións

A pesar de que nun primeiro momento as informacións dun e outro bando apuntaban a que o segundo encontro tería lugar na noite da cuarta feira, finalmente será na mañá da quinta cando ambas delegacións se volvan reunir en Bielorrusia, previsibelmente no bosque de Bialowieza, segundo apuntan fontes oficiais rusas.

18.49 | O ministro de Exteriores de Luxemburgo chama a "eliminar fisicamente" Putin

Cando xa pasan sete días desde que o exército ruso comezase a bombardear diferentes cidades de Ucraína, a postura dos países membros da Unión Europea foise volvendo cada vez máis belixerante, chegando incluso a pór enriba da mesa a opción de "eliminar fisicamente" o presidente de Rusia, Vladimir Putin.

Nestes termos expresouse o ministro de Exteriores de Luxemburgo, Jean Asselborn, quen afirmou que mentres Putin siga a dirixir Rusia "non haberá solución" para a situación en Ucraína, e asegurou que "oxalá poidérase eliminar fisicamente para detelo. Seméllame a única opción".

17.58 | O Goberno ruso afirma que perdeu 498 soldados desde o comezo da ofensiva en solo ucraíno, mentres que Ucraína eleva a cifra até 5.000

O Goberno ruso fixo público o primeiro balance de baixas militares desde que a pasada semana o presidente Vladimir Putin anunciase unha "operación militar especial" na Ucraína. En total, contabiliza 498 soldados falecidos. Unha cifra moi diferente a das autoridades ucraínas, que elevan eses falecementos até os 5.000. Polo de agora, ningunha das dúas cifras puido ser verificada polos medios de comunicación alí desprazados.

17.23 | Fontes ucraínas aseguran que foi desarticulado un comando coa misión de asasinar o presidente de Ucraína

O xefe do Consello de Seguridade Nacional e Defensa de Ucraína, Oleksiy Danilov informou do desbaratamento dunha operación especial dun comando pro rusos que tiña por obxectivo o asasinato do presidente da Ucraína, Volodimir Zelensky.

16.51 | Continúan os avances para que Ucraína entre na Unión Europea

O presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, afirmou nas súas redes sociais que está "en constante contacto " co presidente do Consello Europeo, Charles Michel, para analizar o transcurso do conflito bélico e os "esforzos diplomáticos". "Agardamos sinais positivos sobre a entrada de Ucraína na Unión Europea (UE)", engadiu Zelenski.

16.17 | Zelenski nomea gobernador de Odessa un militar que comandou os bombardeos de Luhansk

O presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, anunciou na cuarta feira o nomeamento de Maxim Marchenko como gobernador territorial de Odessa, en substitución de Sergei Grinevetski, segundo recolle un decreto publicado polo propio Zelenski.

Marchenko é un recoñecido militar con implicacións na revolución e posterior golpe de Estado en Ucraína durante 2013. Comandou o batallón nacionalista ultradereitista Aydar, involucrado de xeito activo nos bombardeos na zona de Luhansk.

15.25 | O Executivo ucraíno confirma a segunda quenda de negociacións entre Rusia e Ucraína

O asesor do xefe da Oficina do Presidente de Ucraína, Oleksey Arestovich, afirmou que no transcurso desta noite decorrerá a segunda quenda de negociacións entre as delegacións de Rusia e Ucraína. Nas últimas horas, o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, asegurou que se non cesaban os bombardeos, non se retomaría o proceso de negociación.

15.17 | O Goberno ruso afirma que a súa economía está a sufrir unha "gran presión"

O voceiro do Goberno ruso no Kremlin, Dmitri Peskov, deu conta das repercusións das sancións impostas pola comunidade internacional á economía de Rusia. Peskov afirmou que o tecido económico do país está a ser sometido a unha "gran presión", pero matizou que este "manterase en pé".  

14.50 | CRÓNICA | Amagoia Mujika, enviada especial a Dorohusk (Polonia): "Os ucraínos, ao abrigo dos polacos"

Hai moito movemento estes días en Dorohusk, na fronteira entre Ucraína e Polonia; uns veñen fuxindo da guerra; outros, veñen axudalos. A noticia está nese tránsito de refuxiados que foxen da guerra para dar conta dela. Amagoia Mujika, enviada especial do xornal Berria, relata o que se está a vivir neste lugar.

14.30 | Yolanda Díaz desmárcase de Belarra e apoia o envío de armas

"O presidente do Goberno conta con todo o noso apoio", dixo Yolanda Díaz, pese a que Ione Belarra e Pablo Echenique criticaran a decisión de Pedro Sánchez de enviar armamento a Ucraína.

12.30 | O BNG súmase ás críticas polo envío de armas a Ucraína

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, cuestionou esta cuarta feira o anuncio do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, de enviar "material militar ofensivo" á "resistencia ucraína". "O envío de armamento a Ucraína obvia a prohibición de facilitar armas a países en conflito. É irresponsábel e irónico utilizar 450 millóns de euros do Fondo Europeo para a Paz para alimentar a guerra. É unha vergoña que se aplique a censura e recorte a liberdade de información", apuntou o nacionalista.

Outras formacións como Unidas Podemos ou ERC tamén se manifestaron en contra do envío de armamento militar.

12.20 | 836.000 persoas desprazadas pola guerra

Segundo vén de informar a ONU, desde o inicio da invasión rusa a pasada quinta feira deixaron os seus fogares arredor de 836.000 persoas, das que boa parte intentan cruzar á Unión Europea a través de Polonia.

12.00 | O alcalde de Agolada matiza: "Falamos de combater de forma humanitaria, que pintamos aí con fusís?"

O alcalde de Agolada, Luís Calvo (Partido Anticorrupción e Xustiza), foi esta terza feira noticia en todo o país polo seu "ofrecemento" por escrito a "combater" contra o Exército ruso en Ucraína. Porén, esta cuarta feira Calvo matizou as súas palabras nos micrófonos de Galicia por Diante (Radio Galega): "Pódese interpretar de moitas maneiras, pero hai moitas formas de combater. Uns fanno con armas, outros con sancións económicas, outros fechan o espazo aéreo, etc. E nós imos combater o invasor axudando aos refuxiados, dándolles aloxamento e comida", afirmou.

Aliás, dous veciños de Castroverde veñen de emprender unha viaxe en coche a Polonia para recoller persoas refuxiadas na fronteira. Para Héctor Pérez, un deles, "calquera persoa que tivese catro días faría o mesmo". "Son 800-900 euros cada un, non estamos tan lonxe".

11.00 | Reportan unha decena de mortes en ataques ao Donbás

O Goberno autoproclamado da República Popular de Donetsk vén de informar dunha "decena de mortes nas últimas 24 horas" en bombardeos levados a cabo na rexión polo Exército ucraíno. "Grupos armados de Ucraína dispararon un total de 434 proxectís, lanzaron ataques deliberados contra 33 obras de infraestrutura civil e causaron danos a 125 vivendas", expuxeron, nun comunicado do que se fan eco Russia Today e Europa Press.

10.20 | 'Russia Today', vetada tamén por Facebook

A multinacional tecnolóxica Google anunciou esta terza feira o bloqueo das canles audiovisuais dos medios de comunicación rusos Russia Today (RT) e Sputnik en YouTube en toda Europa, así como a exclusión da súa aplicación Play Store. Aliás, desde agora tampouco se poden consultar os contidos de RT en Facebook e Instagram, quedando só abertas as canles deste medio en Odysee, Twitter, VK e Telegram.

Capturas de pantalla dos perfís, xa inactivos, de RT en Instagram (esquerda) e Facebook (dereita).
Capturas de pantalla dos perfís, xa inactivos, de RT en Instagram (esquerda) e Facebook (dereita).

09.50 | O Estado español enviará armas a Ucraína

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira no Congreso que entregará "material militar ofensivo" á "resistencia ucraína", dando así marcha atrás á posición inicial do Executivo. "Fronte a unha ameaza europea debemos dar unha resposta europea, coordinada e unida", dixo.

09.15 | Rusia recoñece que atacou a torre de televisión de Kiev

O Ministerio de Defensa de Rusia recoñeceu esta cuarta feira, a través do seu parte diario da guerra, que o seu Exército lanzou unha ofensiva "con armas de alta precisión" contra as "instalacións tecnolóxicas do Servizo de Seguridade de Ucraína e do centro principal de operacións de información e psicoloxía número 72 en Kiev". Rusia xustifica este ataque contra unha torre de televisión da capital como unha manobra "para evitar ataques de información contra Rusia".

09.00 | Paracaidistas sobre Kharkiv

As autoridades de Ucraína informan de que o Exército ruso enviou paracaidistas á cidade de Kharkiv, a segunda máis poboada do país. "Os ocupantes atacaron a Clínica Médica Militar da Rexión Norte e estoupou unha batalla entre os invasores e os defensores ucraínos", dixo o Exército ucraíno a través de Facebook. Aliás, o Ministerio do Interior deste país informou de que os bombardeos terían alcanzado un edificio da Universidade de Karmazin, nesta mesma cidade.

08.15 | As tropas rusas toman Jérson

Segundo vén de reportar a axencia rusa Sputnik, o Ministerio de Defensa de Rusia vén de confirmar a "toma de control" na cidade de Jérson, na que viven perto de 280.000 persoas. Esta información tamén a confirma o xornal ucraíno The Kiev Independent, que concreta que as tropas rusas tomaron o porto fluvial e a estación de ferrocarril.

08.00 | Máis de cen feridos nos bombardeos en Mariupol

A axencia de noticias ucraína Unian apunta que nas últimas horas os bombardeos rusos sobre a cidade de Mariupol, no sureste de Ucraína, provocaron máis de 120 persoas feridas, unha información confirmada polo alcalde, Vadim Boychenko. Pola súa parte, sinala Russia Today que o representante da Milicia Popular da República de Donetsk, Eduard Basurin, notificou que Mariupol está "bloqueada" e que debe facerse "todo o posíbel para evitar vítimas entre a poboación civil". As milicias agardan que os civís comecen hoxe a abandonar os seus fogares "a través dos corredores humanitarios" antes de que tomen a cidade.

Comentarios