En que consisten as sancións impostas a Rusia?

O rublo ruso cae 30% e afunde até situarse nos peores rexistros das tres últimas décadas tras as sancións pactadas pola UE e os EUA por mor da invasión de Ucraína.
Militares rusos en Armyansk (Crimea), este domingo (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Militares rusos en Armyansk (Crimea), este domingo (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

Nas últimas horas, por mor da crecente tensión en Ucraína tras a invasión das tropas rusas desde a madrugada da pasada quinta feira, os países occidentais anunciaron a imposición de diferentes sancións á Federación Rusa.

Os países da Unión Europea (UE) acordaron este domingo excluír "determinados bancos rusos" do sistema Swift de comunicacións financeiras e prohibir o acceso do Banco Central de Rusia ás súas reservas depositadas en bancos europeos; "máis da metade", precisou o alto representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell.

Aliás, tanto a UE como os Estados Unidos de América (EUA) decidiron sancionar persoalmente o presidente ruso, Vladímir Putin, e máis o seu ministro de Exteriores, Serguéi Lavrov, conxelando todos os seus posíbeis activos e bens en territorio europeo ou estadounidense, así como a prohibición de viaxar a estes países.

Borrell lembrou que, até a data, os únicos líderes mundiais sancionados pola UE foran Bashar al-Assad, presidente de Siria, e Alexander Lukashenko, líder de Belarús.

A respecto do sector enerxético, prohíbese a exportación de tecnoloxía e equipos necesarios para a mellora das refinarías rusas de petróleo en liña cos estándares Euro-6.

E, sobre o transporte, prevese a prohibición de exportacións, vendas e sumbinistro de aeronaves, compoñentes de aeronave e equipos a Rusia, así como os servizos de reparación e mantemento no que atinxe ao armamento militar. E os EUA acordaron prohibir a participación no mercado secundario de bonos emitidos após o 1 de marzo, a fin de limitar a emisión de débeda rusa nos mercados internacionais.

Por outra parte, a presidenta da Comisión Europea, Ursula Von der Leyen, avanzou o veto ás televisións financiadas polo Kremnlin Russia Today e Sputnik e o fechamento do espazo aéreo dos 27 países da UE ás aerolíneas rusas. Aliás, o Goberno de Belarús será sancionado pola súa "colaboración na agresión a Ucraína".

O obxectivo é que ningún avión propiedade dunha persoa física ou xurídica rusa poida "sobrevoar, aterrar ou despegar" en territorio da Unión Europea, un veto que  se aplicará a "os jets privados de oligarcas", segundo subliñou a política alemá.

Outros países como o Reino Unido, Australia ou Nova Zelandia tamén avanzaron medidas como a conxelación de activos ou a prohibición de exportar a Rusia material militar.

Afunde o rublo

As consecuencias máis inmediatas destas sancións comezan facerse palpábeis na economía rusa. A súa moeda, o rublo, caeu, contra as 6 horas da madrugada desta segunda feira, 28,34% fronte ao dólar estadounidense no mercado Forex, e rexistrou unha baixada de 27,03% no mercado europeo, segundo reporta a axencia EFE. Trátase das marcas máis baixas desde 1994.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios