Rusia e Ucraína comezan a negociar mentres a Unión Europea aumenta a aposta polo militarismo

Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).
photo_camera Un tanque ruso entrando a Ucraína por Crimea, esta sexta feira (Foto: Konstantin Mihalchevskiy / Sputnik).

A nova xornada do despregamento militar ruso en territorio ucraíno tivo como protagonista o estabelecemento da primeira mesa de negociación entre as delegacións de Rusia e Ucraína na fronteira de Bielorrusia, no territorio de Gomel.

O presidente ucraíno, Volodímir  Zelenski, confirmou o domingo que as delegacións negociadoras de Moscova e Kiev manterán unha reunión na fronteira entre Ucraína e Bielorrusia, perto do río Prípiat.

Zelenski informou que esta decisión foi negociada co presidente  bielorruso, Alexander Lukashenko, con quen mantivo este domingo unha conversación telefónica na cal acordaron que o encontro se leve a cabo "sen condicións previas".

Tras rematar esta primeira xornada de negociacións, o asesor da oficina presidencial da Ucraína, Majaíl Podoliak, afirmou que o diálogo con Rusia está a ser "difícil". Podoliak acusou Rusia de ter unha visión "moi sesgada" dos ataques militares que levou a cabo até o de agora en solo ucraíno. Ambas delegacións emprazáronse a manter outra reunión, para a que aínda non hai data.

A Unión Europea aboga polo militarismo

O día de hoxe tamén supuxo un novo paso da UE na súa aposta polo militarismo. Desde Bruxelas anunciouse a creación dun organismo que se encargará de coordinar a compra de armamento para o exército ucraíno, após o presidente da Ucraína, Volodimir Zelenski, solicitase a cooperación activa dos países membros.

Josep Borrell, alto representante de Política Exterior na UE, será o encargado de organizar a compra e o envío de armas. Para Borrell, o organismo "está ante un punto de inflexión na historia da integración europea".

Asemade, Zelenski tamén asinou nesta segunda feira unha petición formal para que o seu país inicie os trámites necesarios que lle permitan incorporarse á Unión Europea.

Proseguen as sancións

Nas últimas horas, Suiza foi o último país en incorporarse as sancións económicas acordadas pola UE a pasada semana.

Os países da Unión Europea (UE) acordaron este domingo excluír "determinados bancos rusos" do sistema Swift de comunicacións financeiras e prohibir o acceso do Banco Central de Rusia ás súas reservas depositadas en bancos europeos; "máis da metade", precisou o alto representante de Política Exterior da UE, Josep Borrell.

Aliás, tanto a UE como os Estados Unidos de América (EUA) decidiron sancionar persoalmente o presidente ruso, Vladímir Putin, e máis o seu ministro de Exteriores, Serguéi Lavrov, conxelando todos os seus posíbeis activos e bens en territorio europeo ou estadounidense, así como a prohibición de viaxar a estes países.

O ámbito deportivo tampouco se escapa destas sancións. A FIFA, após anunciar que impedía a desputa de encontros internacionais de fútbol en territorio ruso, decidiu expulsar a selección masculina de fútbol de Rusia do Mundial, que nesta edición vaise ter lugar en Catar. Faino en consonanacia coa UEFA, que tomou a decisión de expulsar os clubes rusos das competicións europeas.

Comentarios