O BNG pide a Rusia que retire as tropas e ao Goberno estatal que non envíe armamento

Néstor Rego insta o Executivo de Pedro Sánchez a "manter unha posición favorábel á desescalada do conflito a través da neutralidade activa, a retirada de efectivos militares e a renuncia a enviar calquera tipo de material bélico".
O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).
photo_camera O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta cuarta feira (Foto: Nós Diario).

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, defendeu, durante a comparecencia do presidente do Goberno estatal desta cuarta feira, a necesidade de "optar polas vías pacíficas e diplomáticas" á hora de resolver o conflito en Ucraína. Nesta liña, Rego condenou a intervención militar rusa e exixiu a retirada das súas tropas do territorio da Ucraína, alén de instar o Executivo español a manter unha "posición favorábel á desescalada do conflito a través da neutralidade activa, a retirada de efectivos militares e a renuncia a enviar calquera tipo de material bélico".

"É absolutamente falso o vello aforismo latino Si vis pacem para bellum e sabemos que a solución a este conflito non é fácil, mais tamén que só se pode partir dun principio. Se vis  pacem para pacem. Pola paz, non á guerra", enfatizou o nacionalista.

Rego salientou que o Bloque defende a soberanía da Ucraína e expresa a súa solidariedade co pobo ucraíno, "que nos últimos anos sufriu un golpe de Estado, a violencia política, a persecución da disidencia, o enfrontamento armado e os bombardeos no Donbás e, agora, as dramáticas consecuencias humanas, sociais e económicas da guerra lanzada pola Rusia". "Lamentamos a perda de vidas e o sufrimento que todo isto provoca", subliñou o deputado.

Fixo esta intervención logo de que o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciase que enviará "material militar ofensivo á resistencia ucraína", unha decisión que non compartiu o seu socio de goberno, Unidas Podemos, así como outras formacións como ERC, Más País ou o propio BNG.

"Hoxe escoitamos forzas políticas rexeitar esta guerra, tamén aquelas que apoiaron e mesmo implicaron o Estado español en guerras como as de Iraq, Libia ou Afganistán, que só respondían os intereses económicos e xeoestratéxicos do imperialismo norteamericano" denunciou Rego, que defendeu que o BNG "mantén con coherencia a súa posición pacifista, favorábel ás vías diplomáticas e pacíficas á hora de resolver os diferendos entre estados".

A organización nacionalista criticou a "escalada belicista" da OTAN, "unha organización militar agresiva ao servizo de intereses que non son os dos pobos de Europa" e que "carece de sentido desde unha perspectiva de paz e boa relación entre Estados". "O que debe facer a OTAN non é xerar máis tensión fortalecéndose e expandíndose cara o leste, senón simplemente disolverse e desaparecer", sinalou Rego.

Aliás, o deputado reclamou unha negociación "no marco da ONU e a OSCE", así como a "volta ao cumprimento do Protocolo de Minsk e o respecto á vontade dos pobos do Donbás", a fin de "crear un clima de estabilidade e seguridade en toda a rexión".

Comentarios