O alcalde de Agolada matiza: "Falamos de combater de forma humanitaria, que pintamos aí con fusís?"

"Pódese interpretar de moitas maneiras, pero hai moitas formas de combater. Nós falamos de combater mais de forma humanitaria, axudando ao pobo ucraíno", dixo esta cuarta feira na 'Radio Galega'.
Luís Calvo, alcalde de Agolada, e Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Luís Calvo, alcalde de Agolada, e Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro da Xunta (Foto: Xunta da Galiza).

O alcalde de Agolada, Luís Calvo (Partido Anticorrupción e Xustiza), foi esta terza feira noticia en todo o país polo seu "ofrecemento" por escrito a "combater" contra o Exército ruso en Ucraína.

A carta, dirixida ao embaixador de Ucraína no Estado español, Serhiy Pohorelzew, expresaba o seguinte, alén de ofrecer tamén a colaboración do Concello na acollida de persoas refuxiadas e o envío de axuda humanitaria: "Tanto eu propio como o Sr. Tenente-Alcalde, Óscar Val García, estamos á súa total disposición para ir combater contra as forzas opresoras rusas en canto vostedes o consideren oportuno. Queremos expresarlle o noso máis sincero apoio e colaboración desde este Concello".

Porén, esta cuarta feira Calvo matizou as súas palabras nos micrófonos de Galicia por Diante (Radio Galega): "Pódese interpretar de moitas maneiras, pero hai moitas formas de combater. Uns fanno con armas, outros con sancións económicas, outros fechan o espazo aéreo, etc. E nós imos combater o invasor axudando aos refuxiados, dándolles aloxamento e comida", afirmou.

Neste senso, sinalou que "sería unha contradición que digamos 'non á guerra' e logo botarmos man ao fusil", e insistiu en que nin el nin Val son militares. "Que pintamos o tenente de alcalde e eu con dous fusís? Falamos de combater mais de forma humanitaria, axudando ao pobo ucraíno", enfatizou o rexedor de Agolada.

Con todo, apuntou: "Dado o caso, se temos que ir a Ucraína, axudaremos a montar tendas de campaña, hospitais móbiles, axudar as persoas maiores e a cativada, coidar dos enfermos e os feridos nos hospitais de darse o caso...".

Polo de agora, dixo, non recibiu resposta ningunha ao seu ofrecemento por parte da Embaixada de Ucraína en Madrid.

De Castroverde a Polonia para recoller persoas refuxiadas

Dous veciños de Castroverde emprenderon unha viaxe en senllos coches cara á fronteira de Polonia con Ucraína para ofrecer a oito persoas as prazas dispoñíbeis e vir á Galiza para fuxir da guerra. A idea destes lucenses é chegar esta cuarta feira ao mediodía á fronteira Medyka e alí ofrecer a súa axuda.

Aínda que non pecharon ningunha acción concreta con ningunha ONG, Héctor Pérez, o veciño de Castroverde que recrutou un amigo para facer esta viaxe de ida e volta, informouse a través dunha irmá que traballa en servizos sociais de Madrid e cun contacto coa comunidade ucraína no Estado español.

"Son moi susceptíbel con este tema", recoñeceu a Europa Press Pérez, quen asegurou que o detonante foi o caso da nena de seis anos falecida nun hospital de Mariupol. Así, pensou que aínda que era "arriscado", tiña que "facer algo", unha idea na que atopou Paulo Ribeiro. Para Héctor Pérez, "calquera persoa que tivese catro días faría o mesmo". "Son 800-900 euros cada un, non estamos tan lonxe".

Comentarios