O Goberno español rectifica e enviará "material militar ofensivo" a Ucraína

Yolanda Díaz aplaude as medidas anunciadas por Pedro Sánchez, que considera "absolutamente coherentes", e expresa a súa "máxima condena" á "invasión unilateral" de Rusia.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, esta cuarta feira, no Congreso (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, anunciou esta cuarta feira que o Estado español vai entregar "material militar ofensivo" á "resistencia ucraína", dando así marcha atrás á posición inicial do Executivo.

Así o desvelou na súa comparecencia ante o Congreso, durante a que defendeu que o Goberno considera que "fronte a unha ameaza europea debemos dar unha resposta europea, coordinada e unida".

Sánchez cuestionou que algúns grupos parlamentarios puxeron "en cuestión o compromiso de España e o Goberno" cos ucraínos, que di estar garantido con este envío de armamento.

A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, manifestou o seu apoio a Sánchez e afirmou que a resposta do Goberno estatal ante o ataque de Rusia a Ucraína é "absolutamente coherente", ao tempo que manifestou que todas as medidas que sexan "eficaces" para "parar esta guerra" serán "compartidas" no seo do Goberno.

Aliás, expresou a súa "máxima condena" á "invasión unilateral" de Rusia sobre o pobo ucraíno, ao que traslada a súa "solidariedade".

Porén, os ministros e deputados de Unidas Podemos rexeitaron aplaudir no Congreso o anuncio do presidente, xa que avogan por que o Goberno estatal se limite a "prestar axuda humanitaria".

Cómpre lembrar que a Unión Europea xa se comprometeu a destinar perto de 450 millóns de euros para financiar o envío de "armas letais e munición" a Ucraína, alén doutros 50 millóns para sufragar "material non letal", como combustíbel ou material médico.

Comentarios