Google bloquea as canles de YouTube de Russia Today e Sputnik en Europa

Aliás, a operadora galega R cesou esta segunda feira as retransmisións de 'Russia Today', que si seguirá emitindo os seus contidos, polo de agora, a través da plataforma Odysee.
A operadora R xa cesou as retransmisións de Russia Today (Foto: Nós Diario).
photo_camera A operadora R xa cesou as retransmisións de Russia Today (Foto: Nós Diario).

A multinacional tecnolóxica Google anunciou esta terza feira o bloqueo das canles audiovisuais dos medios de comunicación rusos Russia Today (RT) e Sputnik en YouTube en toda Europa.

"Debido á guerra en Ucraína estamos a bloquear as canles de YouTube conectadas a RT e Sputnik en toda Europa, con efecto inmediato. Os nosos sistemas tardarán un tempo en estar completamente preparados. Os nosos equipos seguen vixiando a situación as 24 horas do día para tomar medidas rápidas", informou a compañía a través da súa canle de Twitter.

Esta medida súmase a outras xa adoptadas pola compañía estadounidense. En YouTube xa se paralizou a posibilidade de monetizar varias canles na plataforma, incluídas aquelas canles afiliadas ao Goberno ruso, así como a restrición do acceso á televisión RT e a outras canles en Ucraína.

Por outra parte, o equipo de Google Maps tamén deshabilitou a capa de tráfico en tempo real na zona de Ucraína para "protexer a seguridade das persoas que están alí", segundo informaron a Europa Press fontes da compañía tecnolóxica.

Aliás, aumentou automaticamente as proteccións de seguridade das contas para as persoas na rexión. As persoas usuarias poden activar estes controis e funcións para mellorar instantaneamente a seguridade da súa conta.

Outras medidas que Google adoptou ante a crise en Ucraína son pausar a monetización nas súas plataformas dos medios financiados polo Goberno ruso, a retirada de vídeos que violan as súas políticas e a doazón de dous millóns de dólares en anuncios para aquelas organizacións e entidades que están a informar sobre os recursos que se poñen ao dispor dos usuarios e usuarias a respecto da axuda humanitaria e o reasentamento, etc.

Russia Today, sen emisións na Galiza

Esta segunda feira a operadora de telecomunicacións galega R, propiedade do grupo Euskaltel, cesou as retransmisións de Russia Today, en cuxo dial aparece agora a seguinte mensaxe: "Canle temporalmente fóra de emisión, desculpen as molestias". Aliás, está previsto que Movistar +, Vodafone, Orange e as demais operadoras do Estado español deixen tamén de emitir os contidos do medio ruso.

Porén, si seguirá a retransmitir RT —polo de agora— a plataforma Odysee, que expresou a través de Twitter: "Non nos importa a política e sermos unha plataforma significa que temos que ser unha plataforma".

Comentarios