A guerra en Ucraína, en directo

Toda a información actualizada minuto a minuto sobre a guerra en Ucraína.

A guerra en Kharkiv, Bucha e Crimea (Fotos: Ukrinform - Konstantin Mihalchevskiy/Sputnik).
photo_camera A guerra en Kharkiv, Bucha e Crimea (Fotos: Ukrinform - Konstantin Mihalchevskiy/Sputnik).

🔴 [EN DIRECTO]

20.42 | Biden reitera ante Zelenski todo o apoio de EUA a Ucraína fronte á "agresión rusa"

O presidente de Estados Unidos, Joe  Biden, e o seu homólogo ucraíno,  Volodímir Zelenski, mantivo hoxe un novo encontro telefónico no cal o xefe da Casa Branca voltou a reiterar o pleno apoio de Washington a Ucraína mentres continúa a "agresión rusa".

19.08 | A OTAN convoca os ministros de exteriores

A OTAN convocou para a próxima sexta feira os ministros de exteriores aliados para tratar a evolución dos acontecementos en Ucraína.  Aínda que a organización militar mostrou un total apoio político e técnico a Kiev, deixou claro que non intervirá directamente no conflito enviando tropas ao país, nin se mostrou favorábel a facilitar aeronaves de países aliados ao Exército ucraíno, unha opción que defenderon membros da OTAN como Polonia.

18.20 | Rusia denuncia ciberataques "sen precedentes" contra as súas embaixadas

A portavoz do Ministerio de Exteriores de Rusia, Maria Zajarova, alertou de que as embaixadas rusas no estranxeiro están a enfrontarse a ciberataques "sen precedentes". 

17.50 | Ucraína acusa Rusia de atacar a torre de telecomunicacións de kiev

As autoridades ucranínas acusan o Exército ruso de atacar cun proxectil a torre de telecomunicacións de Kiev, a capital de Ucraína.

17.23 | Ucraína e Rusia manterán mañá unha segunda rolda de conversas, segundo varios medios

A segunda rolda das conversas entre Rusia e Ucraína terán lugar mañá, segundo revelaron fontes próximas ao asunto a varios medios de comunicación ucraínos.

16.48 | EUA propón a expulsión de Rusia do Consello de Dereitos Humanos da ONU

O secretario de Estado de Estados Unidos, Antony Blinken, acusou Rusia hoxe ante o Consello de Dereitos Humanos da ONU de violar no Dereito Internacional pola súa invasión militar sobre Ucraína e deslizou a posibilidade de expulsar os rusos deste organismo internacional, ao que pouco antes se dirixiu precisamente o seu homólogo Sergei Lavrov.

16.31 | China traslada a Ucraína a "súa disposición" a traballar polo fin do conflito

O ministro de Exteriores de China, Wang Yi, trasladou ao seu homólogo ucraíno, Dimitro Kuleba, a disposición de Pequín para traballar en favor do final da guerra, derivada da invasión que ordenou o pasado xoves Putin 

15.20 | A Galiza berra o 'non á guerra': "Parece que non aprendemos nada do século XX"

Un manifesto contra o conflito bélico conta xa coa sinatura de diferentes persoeiros dos eidos da cultura, a sociedade e a política galega como Mario López Rico, Pilar García Negro, Francisco Rodríguez, Lois Diéguez, Antón Mascato ou a antropóloga portuguesa Paula Godinho.

14.10 | O mar de Azov, controlado por Rusia

Segundo recolle Russia Today, fontes do Goberno da República Popular de Donetsk afirman que xa alcanzaron a fronteira desta provincia para unírense "ás forzas rusas que están a tomar o control das zonas da costa". "O acceso das unidades ucraínas ao mar de Azov está competamente bloqueado", afirmou o portavoz do Ministerio de Defensa de Rusia, Ígor Konashénkov. Os militares teríanse apoderado das cidades de Ivánovka, Talákovka, Starodúbovka, Berestovoye y Belotserkovka.

13.20 | Como está afectando o conflito de Ucraína á economía galega?

A falta de materias primas que proveñen de Rusia e Ucraína xa se está a facer notar na economía. Sectores como os de alimentación, automoción, tecnoloxía e enerxía son os principais afectados.

13.10 | A ONU acusa Rusia de encarcerar 6.400 manifestantes

Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos vén de advertir, a través dun comunicado, do encarceramento en Rusia de persoas que se manifestaban en contra da guerra en Ucraína: "Perto de 6.400 manifestantes pacíficos anti-guerra foron apresados arbitrariamente desde a pasada quinta feira. Apelamos á liberación inmediata das persoas detidas e instamos as autoridades a respectaren e garantiren os seus dereitos á liberdade de expresión e de reunión pacífica".

12.45 | A Galiza comeza a coordinar o dispositivo para acoller persoas refuxiadas de Ucraína

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) buscará a "coordinación" entre concellos na axuda a ofrecer ante a crise humanitaria pola guerra en Ucraína, á vez que a Xunta da Galiza traballará "da man" de entidades sociais e municipios para "pór a disposición os mecanismos e recursos que sexan necesarios".

12.20 | Google bloquea as canles de YouTube de Russia Today e Sputnik en Europa

A multinacional tecnolóxica Google anunciou esta terza feira o bloqueo das canles audiovisuais dos medios de comunicación rusos Russia Today (RT) e Sputnik en YouTube en toda Europa. Aliás, esta segunda feira a operadora de telecomunicacións galega R, propiedade do grupo Euskaltel, cesou as retransmisións de Russia Today, que si seguirá a emitir os seus contidos —polo de agora— a través da plataforma Odysee.

11.20 | Rusia proseguirá a ofensiva en Ucraína "até que se alcancen os obxectivos"

O ministro de Defensa de Rusia, Serguéi Shoigú, afirmou esta terza feira en declaracións recollidas por Russia Today que "as Forzas Armadas rusas continuarán a operación militar especial en Ucraína até que se alcancen os obxectivos fixados", entre os que concretou "a defensa da poboación do Donbás, a desmilitarización e a desnazificación de Ucraína", así como "protexer a Federación Rusa contra a ameaza bélica que están creando os países de Occidente".

10.35 | Belarús nega ter participado da invasión de Ucraína

Segundo recollen as axencias de noticias Belta e Reuters, o presidente de Belarús, Alexander Lukashenko, nega ter axudado a Rusia na guerra desatada en Ucraína: "O Exército belaruso non tomou nin toma parte nas hostilidades. Podemos demostrarllo a calquera".

09.50 | Os EUA afirman que un convoi ruso de "máis de 40 quilómetros" está perto de Kiev

Varias imaxes difundidas pola empresa estadounidense Maxar Technologies apuntan a un convoi ruso de "máis de 40 quilómetros de longo" nas estradas ao noroeste de Kiev. As sirenas antiaéreas volveron soar na noite desta segunda feira na capital ucraína e máis nas cidades de Volyn, Ternopil e Rivne, no noroeste do país, onde o xornal The Kiev Independent reporta senllos ataques aéreos.

09.20 | A CPI investigará os crimes de guerra en Ucraína por parte de ambos os bandos

Diferentes medios de comunicación ucraínos e rusos sinalan que o fiscal xefe da Corte Penal Internacional (CPI), Karim Khan, pedirá aos xuíces abrir unha investigación por crimes de guerra e lesa humanidade "cometidos por calquera das partes en todo o territorio de Ucraína". 

09.00 | A OSCE conclúe a súa misión no Donbás, din fontes locais

A Misión Especial de Monitoreo da OSCE en Ucraína tería partido esta terza feira de Donetsk e Lugansk, no Donbás, cara a fronteira con Rusia, segundo comunicaron fontes do Goberno da República de Donetsk á axencia Sputnik

"Segundo a información operativa, as formacións nacionalistas ucraínas, aproveitando a situación en Kramatorsk, apoderáronse dunha vintena de vehículos da Misión Especial de Vixilancia da OSCE en Ucraína", publicou o ente na súa canle de Telegram.

08.40 | A Eurocámara quere acelerar o ingreso de Ucraína

Nun pleno extraordinario convocado pola presidenta, Roberta Metsola, as e os eurodeputados debaterán coa presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen; o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, e o Alto Representante da UE para Política Exterior, Josep Borrell, os últimos acontecementos no leste de Europa.

O Parlamento Europeo adoptará unha resolución en apoio a Kiev na que se mostrará o respaldo á "perspectiva europea" do país, logo de que esta segunda feira o presidente ucraíno, Volodimir Zelenski, asinase a solicitude de adhesión á UE. En concreto, o texto pedirá ás institucións europeas "traballar para outorgar o status de candidato a Ucraína", en liña cos tratados europeos e baseándose no "mérito" do país.

Bulgaria, Polonia, Letonia, Lituania, Estonia, Eslovenia, Eslovaquia e a República Checa pediron expresamente ao conxunto da Unión Europea que acepte o ingreso de Ucraína.

08.20 | Máis de 70.000 persoas sen auga en Donetsk polos bombardeos

Segundo informa Russia Today, máis de 70.000 persoas terían quedado sen auga na cidade de Górlovka polos "danos ocasionados ás estacións de filtración e bombeo locais durante os ataques", informou o Cuartel Xeral de Defensa Territorial da República Popular de Donetsk.

Aliás, segundo reporta Sputnik, a cidade de Horlivka (Donetsk) foi tamén obxecto dun bombardeo masivo, "con combates perto da mina Gagarin", segundo informaron fontes gobernamentais a esta axencia.

08.00 | Reportan decenas de mortos nos ataques ás cidades de Sumy e Kharkiv

As autoridades ucraínas denuncian "decenas de mortos", que o xornal Antikor cifra en 70 no bando ucraíno e "un grande número" pola parte rusa, na cidade de Sumy. En Kharkiv, o alcalde, Igor Terekhov, reporta "cando menos nove mortos, 37 persoas feridas e 87 edificios residenciais danados polos bombardeos".

"Hoxe as tropas rusas dispararon brutalmente sobre Kharkiv con obuses de artillaría. É un crime de guerra evidente porque é unha cidade pacífica e sen instalacións militares", afirma o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski.

Comentarios