A Galiza comeza a coordinar o dispositivo para acoller persoas refuxiadas de Ucraína

Algúns concellos "xa están a facelo individualmente", di a Fegamp.
Campamento de refuxiados ucraínos na cidade eslovaca de Humenné, esta segunda feira (Foto: Pryèek Vladimír / CTK / DPA).
photo_camera Campamento de refuxiados ucraínos na cidade eslovaca de Humenné, esta segunda feira (Foto: Pryèek Vladimír / CTK / DPA).

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) buscará a "coordinación" entre concellos na axuda a ofrecer ante a crise humanitaria pola guerra en Ucraína, á vez que a Xunta da Galiza traballará "da man" de entidades sociais e municipios para "pór a disposición os mecanismos e recursos que sexan necesarios".

Así se expresaron o presidente da Fegamp, Alberto Varela, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, ao seren preguntados pola prensa, nun acto en Compostela decorrido esta terza feira.

A alto cargo do Goberno galego lembrou que a pasada segunda feira a Xunta xa se ofreceu a acoller refuxiados ucraínos, unha cuestión que se trasladará na reunión desta terza do Ministerio de Migracións cos seus homólogos territoriais.

"A Galiza está en disposición de acoller todas as persoas procedentes de Ucraína que precisen do noso apoio, sobre todo que precisen da nosa protección e teito", ratificou Fabiola García.

A conselleira de Política Social espera que o Ministerio ofreza unha liña de actuación "clara" en prol de que os gobernos territoriais e o estatal colaboren "coordinados".

Pola súa parte, Alberto Varela salientou que os concellos galegos "sempre mostraron a súa solidariedade e puxeron a disposición os recursos", tal e como se viviu noutras crises humanitarias. Subliñou que as entidades locais se poñen "ao servizo do que poidan axudar", e a continuación indicou que "algúns concellos xa o están a facer individualmente", se ben "é necesaria unha boa coordinación" e "para iso serve a Fegamp".

Precisamente, o presidente da Fegamp manterá esta terza feira unha conversa co delegado do Goberno, José Miñones, para "pór a disposición" aos concellos galegos e ver que se pode facer "dunha maneira coordinada", co obxectivo de que a Federación Galega de Municipios sirva como "nexo" desa solidariedade. "Imos estar á altura das circunstancias", afirmou Varela.

Comentarios