O Goberno de al Assad, ao límite ao chegar os xihadistas ás portas de Homs

Xihadistas nun caza sirio en Alepo o 2 de decembro de 2024. (Foto: Anas Alkharboutli / DPA vía Europa Press)
280.000 persoas tiveron que fuxir pola ofensiva, e a ONU advirte que de seguir así haberá 1,5 millóns de desprazadas.

Poucas horas despois da retirada do Exército sirio de Hama, as forzas xihadistas que lideran a oposición armada ao Goberno de Bashar al Assad en Damasco alcanzarona sexta feira a periferia da cidade de Homs, a terceira máis poboada do país e un nodo loxístico clave que conecta a capital con outras áreas controladas polas Forzas Armadas, confirmaron medios especializados.

Unha fonte militar detallou ao xornal Thawra que as tropas están despregadas en Homs, a uns 45 km de Hama, e nas áreas rurais da contorna, e están listas para “repeler calquera ataque terrorista”, e a axencia Fars reportou que os soldados lograron recuperar varias posicións nos arredores de Hama, incluído o control do aeroporto militar.

A Homs, os xihadistas chegaron movéndose en unidades pequenas entre ataques aéreos da aviación siria e rusa, nunha ofensiva na que o Centro ruso para a reconciliación en Siria estimou que foron “neutralizados” 300 xihadistas, ademais de sete tanques, unha trintena de vehículos blindados ou un sistema de lanzamentos de proxectís.

En paralelo, xa durante a noite anterior comezou a evacuación de civís en Homs, reporta o portal South Front, que tamén constatou enfrontamentos na rexión de Daraa, no sur sirio, sen que fique claro quen mantén o dominio da área e da cidade homónima, próxima á fronteira con Xordania e a un centenar de quilómetros ao sur de Damasco.

A perda de Homs deixaría vía libre aos xihadistas para lanzarse a por Damasco, pondo en risco a supervivencia do Goberno de Al Assad, e partiría en dúas as áreas controladas polo Executivo, deixándoo desconectado da costa do país, na que están as dúas bases militares rusas, e do seu feudo de Latakia.

Malia que aínda poderían manter a conexión polo Líbano, Israel dificulta esta vía ao bombardear os pasos fronteirizos, amais de ter provisto de armas os xihadistas, como tamén fixeron ao longo da guerra que comezou en 2011 os Estados Unidos, Turquía, o Reino Unido, Francia, Qatar ou Arabia Saudita, desvelou un informe interno dos cascos azuis, nuns envíos que terían como obxectivo acabar co Executivo, apoiado por Irán e Rusia.

Mapa do occidente do continente asiático centrado no territorio sirio. (Imaxe: Nós Diario)

O conflito derivou na expansión do Estado Islámico polo país, que só foi revertida co apoio ruso e a implicación das pro kurdas Forzas Democráticas Sirias (SDF), que controlan o nordés do país e están aliadas cos Estados Unidos, que teñen case un millar de militares en bases na zona. En paralelo, canda outros países occidentais, Washington atacou os militares sirios e volveu despregar tropas no Iraq pouco despois de finalizar a ocupación dese país co gallo de combater o Estado Islámico por medio de bombardeos, nunha presenza militar que aínda mantén.

Ruptura do alto o fogo

En Siria, a situación bélica permanecera relativamente estábel desde 2020, cando Rusia e Turquía acordaron un alto o fogo, que deixou as forzas xihadistas co control de parte da rexión de Idlib, na fronteira con Turquía, cunha pequena área na rexión de Alepo baixo dominio do Exército Nacional Sirio (SNA), un grupo opositor tamén dependente de Ancara, que tamén instalou múltiples bases militares no lado sirio da fronteira. Nos últimos días este grupo prepárase para lanzar un ataque contra Manjib, reducindo así a zona controlada polas forzas kurdas, ás que Turquía considera terroristas.

Todo cambiou o 27 de novembro, coincidindo coa entrada en vigor do alto o fogo no Líbano entre o réxime sionista e Hezbolá, que foi clave para evitar a vitoria xihadista nos inicios da guerra. Ese día a Organización de Liberación do Levante (HTS) lanzou unha ofensiva en dirección a Alepo, a case 20 km da liña da fronte anterior.

En poucos días colapsaron as defensas do Exército sirio, que recuperara a finais de 2016 o control da segunda cidade máis poboada após Damasco, e a HTS lanzou unha rápida ofensiva cara ao centro do país que elevou as zonas baixo o seu control en máis de 800 km cadrados, cortando tamén a estrada que une Homs con Raqqa, baixo poder das SDF.

Dos múltiples grupos xihadistas que forman parte do conflito en Siria, a HTS é o principal, logo de unir en 2017 varios deles baixo o liderado da Fronte al Nusra, ambos os dous liderados por Abu Mohammad al Golani. A Fronte foi a filial de Al Qaeda en Siria até que en 2016 sostivo que se separou.

Con todo, incluso os Estados Unidos, que armaron o grupo, consideran a Fronte e a HTS como organizacións terroristas, o que non impediu que al Golani fora entrevistado esta semana pola canle CNN insistindo en que buscar implantar un “sistema de goberno institucional” se logran derrocar al Assad. En maio, a poboación de Idlib saiu a protestar contra al Golani acusándoo de prácticas ditatoriais.

Analistas citados pola axencia AP salientan que a ofensiva xihadista “tería sido imposíbel sen a luz verde de Turquía”, e o seu presidente, Recep Tayyip Erdogan, incidiu en que “a nosa esperanza é que este camiño en Siria continúe sen ningún problema”, afirmando que al Assad aínda non respondeu de forma positiva ao seu chamamento a comezos de ano para normalizar os lazos, rexeitado por Damasco ante a exixencia de que a retirada turca de Siria estivese sobre a mesa. En paralelo, o sábado Ancara, Moscova e Tehran reuniranse en Qatar para abordar a escalada.

A Organización das Nacións Unidas (ONU) estimou que 280.000 persoas tiveron que fuxir pola ofensiva xihadista, e advertiu que se a situación non muda 1,5 millóns de persoas poden verse nesta situación.

A debilidade de Hezbolá, un dos puntos chaves da ofensiva 

Os principais motivos detrás do momento elixido polos xihadistas en Siria para iniciar a súa ofensiva son, por unha parte que “Hezbolá padeceu un golpe case mortal a mans dos israelís”, despois de que “se non fose por Hezbolá o Goberno sirio se tería acabado xa en 2011-2012”, e pola outra que Rusia está a concentrar as súas forzas noutras frontes, explica a Nós Diario Waleed Saleh, doutor en Estudos Árabes e Islámicos e docente na Universidade Autónoma de Madrid, que incide en que “sempre estiveron aí agardando o momento axeitado”.

Ante os avances destes días, asegura que hai posibilidades de que caia o Goberno posto que “nin Irán [que apoia Hezbolá] nin Rusia están preparados para apoialo” como antes.

Sobre o papel occidental limítao ao que determine Estados Unidos porque “Europa practicamente non pinta nada”, e debulla que Washington sempre foi aliado dos kurdos, ao tempo “aliados de Israel, sobre todo os kurdos iraquís”, o que choca coa loita contra eles de Turquía, aliado estadounidense na Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN).

Nese sentido, advirte da fraxilidade da alianza entre o Goberno sirio e as SDF, posto que “non pode haber unha alianza verdadeira” ao negar Damasco “que haxa unha independencia dos kurdos no nordés” e ser esta unha prioridade das forzas kurdas.

No que atinxe a unha posíbel intervención militar de Irán ou o Iraq, que abordaron esa posibilidade, salienta que será Tehran quen decida, posto que o Iraq “está en mans de Irán até a medula”, e fai fincapé no peso da rivalidade entre Turquía e Irán na situación.