A ONU alerta da maior escalada de hostilidades en Siria desde 2020

Case 17 millóns de persoas precisan axuda humanitaria.
Campo de persoas desprazadas en Siria a finais de febreiro. (Foto: Juma Mohammad / Europa Press / Contacto)
photo_camera Campo de persoas desprazadas en Siria a finais de febreiro. (Foto: Juma Mohammad / Europa Press / Contacto)

“Desde outubro, Siria experimentou a maior escalada de hostilidades en catro anos”, polo que, “coa rexión sumida na confusión, é imperativo un esforzo internacional para conter os combates en chan sirio”, reclamou Paulo Pinheiro, presidente da Comisión de Investigación da Organización das Nacións Unidas (ONU) para Siria, recolleron a segunda feira medios internacionais.

En outubro, máis de 100 persoas faleceron no ataque cun drone a unha cerimonia nunha academia militar siria, do que o Executivo responsabilizou a “organizacións terroristas apoiadas por partes internacionais”, no marco dunha guerra que está a piques de facer o seu 13º aniversario, e que enfronta Damasco contra grupos opositores apoiados por membros da Organización do Tratado do Atlántico Norte (OTAN), entre eles grupos xihadistas.

As sancións afunden o país

Pinheiro acusou a ofensiva do Goberno sirio de implicar ataques “indiscriminados” e que “poden constituír crimes de guerra” contra as áreas tomadas polos sublevados, unha minoría do territorio sirio na actualidade. Até 120.000 persoas tiveron que desprazarse dos seus fogares.

En paralelo, denunciou que as sancións coercitivas unilaterais contra Siria son “cada vez máis estritas”, cando a economía está en “caída libre”.

Ataques estadounidenses, israelís e turcos

A Comisión tamén detallou os ataques dos Estados Unidos e Israel contra Siria, así como as operacións turcas, cuxos ataques aéreos deixaron case un millón de persoas sen auga e electricidade ao longo de varias semanas, e que poderían tratarse de “crimes de guerra”.

Case 17 millóns de persoas precisan axuda humanitaria no país, no contexto da redución das entregas de axuda humanitaria pola falta de recursos da ONU.

Comentarios