Israel intensifica os ataques en Siria e mata dous civís

Arredor de 400.000 persoas morreron en Siria desde o comezo dunha guerra civil que levou á emigración de oito millóns de persoas, nun conflito onde países como Turquía e os Estados Unidos continúan intentando acabar co Goberno sirio unha década despois.
Mapa da situación política-militar na República Árabe Siria. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)
photo_camera Mapa da situación política-militar na República Árabe Siria. (Infografía: Verónica Rivadulla / Nós Diario)

As Forzas Armadas da República Árabe Siria informaron onte de que dous civís faleceron nun bombardeo israelí á 1.26 da madrugada na provincia de Homs, no oeste do país, nun ataque repelido polas defensas antiaéreas que, sinala SANA, acabaron coa meirande parte dos foguetes pero non puido evitar o impacto que tamén provocou feridas a un civil máis e seis militares.

O Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos elevou o número de defuncións a catro, dúas producidas polo bombardeo e dúas pola caída de restos dos proxectís interceptados polo Exército sirio.

Centos de persoas morreron en Siria en 2021 a mans dos mísiles disparados por Israel desde o territorio ocupado no Líbano. O máis mortífero tivo lugar en xaneiro, cando se rexistrou o óbito de 57 soldados, nuns ataques que incrementaron a súa frecuencia nas últimas semanas, mais que responden á estratexia que estivo desenvolvendo desde o comezo da guerra en Siria hai máis dunha década.

Coa xustificación pública de loitar contra Hezbolá, a forza política e armada libanesa sustentada por Irán que está en Siria apoiando a Bashar al-Asad, presidente da República, Israel estivo provendo de armas e subministracións aos xihadistas que encabezaron a sublevación contra o Goberno sirio, como desvelou un informe interno dos cascos azuis da Organización das Nacións Unidas, do mesmo xeito que fixeron países como os Estados Unidos, Turquía, Reino Unido, Francia, Catar ou Arabia Saudita.

Ademais, estes Estados tamén estiveron efectuando ataques aéreos contra as posicións das Forzas Armadas sirias e dos seus aliados. Porén, o apoio de Rusia permitiu ao Exército sirio recuperar o terreo máis aló do Éufrates e acabar co Estado Islámico no país.

Inxerencia estranxeira

Na actualidade, aínda que o gabinete de al-Asad controla a maioría do territorio, o Estado continúa fragmentado mentres proseguen os choques en distintas partes do país. A segunda feira, unha explosión en Deir Ezzor matou un número aínda sen determinar de soldados sirios, ao tempo que avións rusos atacaban as forzas amparadas polos otomanos tras rachar unha tregua temporal en Idlib.

Nesa zona, Turquía apadriña dous territorios após entrar en Siria para evitar o avance das Forzas Democráticas Sirias (SDF), impulsadas polas Unidades de Protección Popular kurdas (YPG) para loitar contra os xihadistas no Kurdistán sirio; co obxectivo último de evitar o contacto territorial coa zona kurda situada dentro das fronteiras estatais turcas.

Tanto o Goberno de salvación sirio -maioría xihadista- como o Goberno interino sirio están avalados desde a disgregación da oposición pola presenza militar turca. No sur, son os Estados Unidos os que patrocinan os dominios do chamado Novo Exército sirio.

O único protoestado que colabora activamente co Executivo de al-Asad é o controlado polas Forzas Democráticas Sirias no norte do país, liderado pola rexión de Rojava.
 

Comentarios