Os EUA recoñecen matanza de civís en Siria após unha denuncia xornalística

Os EUA realizaron unha nova investigación sobre o acontecido nun ataque estadounidense sobre siria que resultou coas mortes de decenas de civís. As consecuencias do ataque foran encubertas polas propias autoridades militares dos EUA.
John Kirby, portavoz do Pentágono. (Foto: Lisa Ferdinando / Dod / Planet Pix v / DPA)
photo_camera John Kirby, portavoz do Pentágono. (Foto: Lisa Ferdinando / Dod / Planet Pix v / DPA)

Os Estados Unidos de América (EUA) veñen de publicar a revisión da investigación ordenada por un ataque aéreo estadounidense efectuado en Siria durante unha misión secreta en marzo de 2019, cuxas consecuencias foron encubertas polas propias autoridades militares dos EUA.

A investigación do ataque de Baghuz, no que morreron decenas de civís, foi levada a cabo polo xeneral Michael Garrett, e concluíu que a revisión inicial estivo infestada de erros en múltiples niveis de mando, así como de falta de información.

O ataque ocorreu durante os últimos días da campaña contra Estado Islámico na localidade de Baghuz, no leste de Siria. Un avión de combate estadounidense F-15E lanzou dúas bombas -unha, de 220 quilos e a outra, de 900- sobre unha multitude de persoas, principalmente crianzas acompañadas das súas nais.

Segundo unha investigación de The New York Times, durante as semanas posteriores ao bombardeo, lanzado por unha unidade de operacións especiais denominada Forza de Tarefa 9 (Task Force 9), "o número de falecementos foi minimizado e os informes, clasificados". Despois desa información, os EUA anunciaron unha investigación para determinar as responsabilidades.

"Matamos mulleres e crianzas inocentes"

"Estamos a admitir que si, matamos a algúns civís, mulleres e crianzas inocentes en 2019, en Baghuz, Siria. Todo está aí fóra para que o vexan. Estamos a admitir que cometemos eses erros. Que matamos. Que as nosas operacións terminaron no asasinato de persoas inocentes", admitiu o portavoz do Pentágono dos EUA, John Kirby.

Ao día seguinte do ataque, testemuñas presenciais afirmaron ver pilas enteiras de cadáveres de mulleres e crianzas, mais as forzas da coalición liderada polos EUA despexaron o lugar da explosión con buldóceres e ningún máximo responsábel da cadea de mando militar dos EUA foi informado correctamente do que tiña acontecido no ataque.

Pouco despois do ataque, o avogado da Forza Aérea, o tenente coronel Dean W. Korsak, tentou iniciar unha investigación independente para dilucidar o sucedido ao entender que podería ocorrer un crime de guerra neste ataque sobre Baguz, considerado o último gran bastión de Estado Islámico no país. Con todo, as súas peticións caeron en saco roto.

"Altos responsábeis militares dos EUA eludiron intencionada e sistematicamente o procedemento", denunciou o avogado nun correo electrónico ao Comité de Servizos Armados do Senado. "Estou a exporme a represalias por enviar este correo", engadiu.

Comentarios