O Kurdistán, pendente da invasión turca e da ilegalización do partido HDP

Máis de 6.000 persoas morreron na guerra kurdo-turca desde a volta das hostilidades en 2015, nun conflito que tamén decorre en Siria, Irán e o Iraq. En cada un destes Estados, as forzas kurdas loitan para garantir a súa existencia e por medio da autonomía -en primeira instancia- consolidar o seu territorio común.

O territorio do Kurdistán abrange os Estados de Turquía, Irán, Iraq, Siria e un pequeno enclave en Armenia (Foto: Nós Diario).
photo_camera O territorio do Kurdistán abrange os Estados de Turquía, Irán, Iraq, Siria e un pequeno enclave en Armenia (Foto: Nós Diario).

Milleiros de kurdas e kurdos manifestáronse esta fin de semana en París, Francia, para conmemorar o décimo aniversario do asasinato de tres membros da comunidade, poucos días despois de chorar a morte doutros tres kurdos nun asasinato racista.

Entrementres, as forzas kurdas están atentas a que en calquera momento Turquía lance unha ofensiva terrestre no norte de Siria e o Iraq para frear a súa loita para conseguir a autodeterminación, un obxectivo que estiveron moi perto de alcanzar coa desintegración do Imperio otomán despois da Primeira Guerra Mundial.

Porén, a guerra de independencia turca liderada por Kemal Atatürk acabou con esa posibilidade en 1923 e deixou o territorio do Kurdistán espallado entre Turquía, onde habitan a maioría dos 26 millóns de kurdos que se estiman, Irán, o Iraq, Siria e un pequeno enclave en Armenia.

Turquía

A loita pola autodeterminación deixou ducias de milleiros de mortes en distintas revoltas, sobre todo na área turca, até a década de 1930, e recibiu un novo pulo coa fundación en 1978 do Partido dos Traballadores do Kurdistán (PKK); o combate co Estado e a represión contra a poboación kurda, que viu prohibida a súa lingua por Ancara, provocaron segundo cálculos da BBC arredor de 40.000 mortes até o de hoxe, e o desprazamento de 350.000 civís.

Desde a ruptura do alto o fogo de máis de dous anos en 2015, ao acusar as forzas kurdas a Turquía de permitir e facilitar un atentado do Estado Islámico na cidade kurda de Suruç, no que faleceron 33 persoas que se dispuñan a apoiar a reconstrución da urbe siria de Kobane, o International Crisis Group cifra as mortes polo conflito nos territorios kurdos en Turquía e o Iraq en 6.366 persoas: 610 civís, 226 persoas de filiación descoñecida, 1.399 membros das forzas de seguridade turcas ou aliadas, e 4.131 persoas que Ancara considera cando menos achegadas ao PKK.

Irán

En Irán, os kurdos chegaron a fundar unha República con Mahabad como capital en 1946 que durou pouco menos dun ano, e contan cun maior recoñecemento da súa lingua que en Turquía.

As mobilizacións que se estenden desde setembro en Irán pola morte de Mahsa Amini teñen o territorio kurdo iraniano como un dos seus focos principais, defendendo as organizacións políticas unha federalización do país e a caída da República Islámica.

O Iraq

No Iraq, o seu apoio aos estadounidenses contra Sadam Hussein -despois de sublevacións nas que o líder iraquí chegou a utilizar armas químicas para reprimilos, até 1,5 millóns de kurdas e kurdos tiveron que fuxir a Irán e Turquía en 1991- permitiulles negociar a creación dunha autoridade rexional do Kurdistán, cun lexislativo propio mais con zonas que se manteñen en disputa co Estado iraquí.

Esta rexión chegou a organizar un referendo de independencia en 2017, opción que recibiu o apoio de máis de 90% dos 3,3 millóns de sufraxios. A resposta de Bagdad foi consolidar as súas tropas nas áreas en disputa e consideralo ilegal.

Turquía tamén ten arredor de 30 bases militares no norte do Iraq para combater a presenza das forzas kurdas.

Siria

O abandono dos territorios en Siria maioritariamente habitados por poboación kurda por parte dos militares sirios no contexto da guerra contra o terrorismo islamista, obrigounos a tomar o control da zona, lanzando un sistema de goberno baseado no confederalismo democrático para crear unha estrutura para combater o Estado Islámico e xestionar os terreos incorporados.

Precisamente nas zonas baixo o control kurdo, Turquía -tras negarse a apoiar os esforzos contra o ISIS e vetar os refu-xiados kurdos- busca ampliar o territorio que ocupa desde 2016 en Siria creando unha faixa de 30 km no lado sirio da fronteira "por seguridade" e, ao tempo, recolocar os tres millóns de refuxiados sirios en Turquía que recibiu ao exercer como tapón da migración cara á Unión Europea, grazas a un acordo que reporta a Ancara até 7.000 millóns de euros desde 2016.

O Goberno sirio, a pesar de ter certa colaboración coas organizacións kurdas na loita contra o xihadismo, mantén o obxectivo de recuperar o control do territorio do Estado sirio xestionado polos kurdos

Comentarios