Siria reclama aos Estados Unidos que "lle poña fin aos ataques"

Lanzan mísiles contra o Exército dos EUA en represalia polos bombardeos en localidades da fronteira de Siria e o Iraq o pasado domingo. Siria reclámalle que remate cos ataques e coa violación da súa soberanía.
Coche calcinado despois dos combates no norte de Siria. (Foto: Anas Alkharboutli / dp)
photo_camera Coche calcinado despois dos combates no norte de Siria. (Foto: Anas Alkharboutli / dp)

Unha “flagrante agresión que demostra unha vez máis a temeridade das políticas estadounidenses e a necesidade de que retire as súas forzas hostís para dar resposta á vontade do pobo e as institucións constitucionais” de Siria, así cualificou o Executivo do país árabe os bombardeos do Exército dos Estados Unidos o pasado domingo en localidades do Iraq e Siria situadas na fronteira común entre ámbolos estados.

No atentado faleceron sete persoas segundo o Observatorio Sirio para os Dereitos Humanos, mentres que SANA, a axencia de novas siria, comunicou a morte de cinco persoas, incluído un cativo.

“A presenza militar dos EUA na rexión sirve basicamente para beneficiar os intereses israelís e das forzas separatistas, en contra dos intereses da poboación”, afirmaron fontes do Ministerio de Defensa a SANA, reclamando que os Estados Unidos “respecte a integridade territorial de Siria e o Iraq” e “poña fin inmediatamente a estes ataques contra a súa independencia”.

En resposta a agresión, as tropas dos EUA foron atacadas con mísiles o serán desta segunda feira no campo petroleiro de Al Omar, sen que se reportaran vítimas mortais.

Forzas Populares

A xustificación que esgrimiu o Goberno dirixido por Joe Biden para violar a soberanía do Iraq e Siria é a loita contra as Forzas Populares, unha organización nada da unión de milicias chiíes, suníes, cristianas e iazidíes en 2014 para loitar contra a expansión do Estado Islámico na rexión.

Esta organización reclama a saída das tropas dos EUA de Oriente Medio, e está sendo acusada por Washington de atacar as instalacións diplomáticas e militares que manteñen na zona.

As Forzas Populares apoiaron o Goberno de Bashar al-Assad contra o Estado Islámico e o Exército Libre Sirio, que aglutina a oposición siria e está conformado principalmente por forzas islámicas consideradas terroristas polos estados occidentais até o comezo do conflito en 2014, como Tahrir al-Sham, antigamente chamada Fronte Al Nusra, a póla de Al Qaeda en Siria.

Estes grupos recibiron millóns de dólares, armas e entrenamento de Estados Unidos, Arabia Saudita, Catar, Kuwait e Turquía, recoñeceu en 2014 o secretario adxunto do Departamento do Tesouro dos EUA.

Comentarios