Waleed Saleh, profesor experto en mundo árabe: "Até os inimigos de Sadam estrañan o tempo do Baaz"

A guerra do Iraq promovida polos EUA co apoio doutros Estados en 2003 rematou oito anos despois. Porén, a situación que vive o país segue a ser crítica. Nós Diario conversa co profesor iraquí experto en mundo árabe da Universidade Complutense de Madrid (UCM), Waleed Saleh, sobre a situación do seu país.
Nado en Iraq en 1951, Waleed Saleh é doutor en Estudos Árabes (Foto: Nós Diario).
photo_camera O iraquí Waleed Saleh é profesor na Universidade Complutense. (Foto: Nós Diario)

—Existía algunha xustificación para a invasión do Iraq por parte dos Estados Unidos de América (EUA) en 2003?

Non existía ningún tipo de xustificación para facer esa barbaridade, a invasión dun país soberano que teñen destruído. Todo o que aconteceu a partir de aí é un auténtico desastre. 

As razóns que alegaron os EUA foron absolutamente falsas. Non existía relación de Sadam Hussein con Al Qaeda, pois este mandatario era totalmente laico e, de feito, esa organización penetrou no Iraq en 2004 a partir do estalido da guerra, o que serve de base para a aparición do chamado Estado Islámico.

Tampouco tiña o Iraq armas de destrución masiva, pois non contaba con capacidade para a súa construción e moito menos para o seu mantemento após 12 anos de embargo internacional.

—Entón, por que se leva a cabo a guerra?

Realmente tratouse dun plan por parte da Intelixencia dos EUA para destruír o Iraq pola súa posibilidade de converterse nunha potencia rexional nunha zona de moita importancia estratéxica e política. 

Sabemos ademais que Israel foi o maior beneficiado da destrución do Iraq e posteriormente de Siria.

—Que cambiou após a guerra?

O réxime imposto polos EUA eliminou o exército iraquí e estabeleceu un Goberno de elites xiítas dependentes do Irán. O poder político repartiuse segundo o modelo libanés, entre sunnitas, xiítas e kurdos. Isto alimentou un sectarismo que antes non existía e que tamén se trasladou aos grupos do Parlamento. Esta polarización por motivos étnicos e relixiosos xerou guerras civís, asasinatos, corrupción e inseguridade no territorio. O poder político sacou miles de millóns do país e as mortes suceden de forma cotiá. Nun país que podería ser dos máis ricos do mundo, 40% da poboación vive baixo o limiar da pobreza.

Os EUA deixaron o Iraq en 2011 á mercede dos Aiatolás do Irán que controlan o futuro do Estado iraquí. Até o maior inimigo de Sadam estraña os tempos do Partido Baaz.

—É paradoxal, tendo en conta a tensión entre o Irán e os EUA.

Si, aparentemente semella contraditorio, mais esta suposta situación de tensión bilateral é unha estratexia actuada que agocha grandes intereses comúns na zona por parte dos dous países. 

—Como era a sociedade iraquí que comandaba o Partido Baaz?

Non había sectarismo, eu mesmo son dunha familia mixta, sunnita e xiíta, isto era normal, ninguén atendía á confesión das outras persoas. A falta de democracia e dereitos humanos é o pan de cada día de moitos Gobernos do mundo e o Iraq non era unha excepción. Porén, desde o punto de vista tecnolóxico e económico estaba moito mellor que o resto de países veciños e contaba cun potencial económico moi grande e unhas importantes reservas de petróleo e auga, isto facía que a sociedade iraquí funcionase.

—Cal é a situación actual?

Non se permite a máis mínima soberanía. O Goberno busca deliberadamente depender das importacións e non quere controlar os recursos propios. Non se ten formado Goberno desde as eleccións de outubro. Se o candidato gañador non está a prol dos intereses do Irán é boicoteado, cousa que xa sucedeu en 2010 cando se investiu o pro-iraniano Al Maliki cun apoio minoritario. O clérigo Al Sadr, que non é da corda do Irán, con 73 escanos de 329, quixo aliarse con kurdos e sunnitas mais non o conseguiu porque os iranianos premeron para que os partidos xiítas, con moita menos forza, controlasen o Iraq.

Pasos atrás nos dereitos das mulleres

O profesor Waleed Saleh asegura que co partido Baaz, cuxos membros sunnitas foron purgados co beneplácito dos EUA após a guerra, fixeron grandes avances nos dereitos das mulleres. "No ano 1959, un ano despois do Iraq tornar nunha república, redáctase un código da familia que é o máis avanzado, incluso até a actualidade", explica Saleh. "Nunca no mundo árabe houbo unha lexislación tan avanzada como fora aquela", incide o profesor, nun ano no que tamén se nomeou unha ministra, "cando non era algo normalizado nin en Europa", di en referencia á ministra de Fomento Naziha al-Dulaimi, "unha coñecida comunista" lembra. "A poligamia foi moi condicionada" e normalizouse dunha forma "masiva" o acceso das mulleres ao mundo laboral e universitario. "A perda de dereitos e liberdades coa caída do Partido Baaz en 2003 foi e é escandalosa", laiase o profesor Saleh.

Comentarios