EUA saquean 66.000 barrís de petróleo ao día en Siria

Membros das tropas estadounidenses levaron este sábado cara ao Iraq un cargamento de 89 camións cisterna de petróleo sirio, que foi extraído dos xacementos da rexión de al-Yazira. Ao día, os EUA espolian uns 66.000 barrís de petróleo en Siria, segundo a Axencia Árabe Siria de Noticias (SANA).

Forzas estadounidenses, en xacementos de petróleo sirios (Imaxe: Asia News)
photo_camera Forzas estadounidenses, en xacementos de petróleo sirios (Imaxe: Asia News)

As forzas de ocupación estadounidenses en Siria continúan a espoliar petróleo, segundo denuncia a Axencia Árabe Siria de Noticias SANA. Este sábado sacarían cara ao Iraq un cargamento de 89 camións cisterna de petróleo extraído na rexión de al-Yazira.

Segundo unha correspondente da axencia, a pasada quinta feira, o convoi de petróleo “saqueado” a Siria comprendería 144 camións cisterna que chegaron ao Iraq “polo cruzamento ilegal de Mahmoudiye”, no nordeste de Hasakeh.

A pasada cuarta feira, un helicóptero de combate ruso detectou un convoi de máis de 100 camións que transportaban de maneira ilegal petróleo extraído dos pozos sirios nas rexións ocupadas polos estadounidenses, segundo informou o portal ruso de aviación Avia.pro.

Bassam Tome, ministro sirio de Petróleo e Recursos Naturais, denuncia que as unidades estadounidenses, co apoio da milicia separatista Forzas Democráticas Sirias (FDS) espolian 66.000 barrís de cru sirio diariamente. Isto equivale ao 80% da produción siria.

Siria producía antes da guerra máis de 380.000 barrís diarios de cru, mentres que na actualidade importa petróleo para satisfacer as súas necesidades, estimadas en 165.000 toneis por día.

Damasco denunciou en repetidas ocasións o roubo dos seus recursos e a privación da fonte de ingresos que supuña o petróleo antes de que as forzas de ocupación dos EUA controlasen ao redor do 90% do territorio sirio produtor de cru.

Tamén trigo

O trigo é outro dos recursos que espolian os EUA en Siria, que antes da guerra producía cantidades suficientes para autoconsumo e para exportación. A produción, informan medios locais, viuse reducida de 5 millóns de toneladas a pouco máis de 1 millón, debido á saída de case un millón de hectáreas do plan, por atoparse en zonas ocupadas polos estadounidenses.

De feito, o Goberno sirio viuse na obriga de importar doutros Estados, particularmente de Rusia, trigo, no medio das dificultades derivadas das sancións que pesan sobre o Executivo de Vladimir Putin pola guerra de Ucraína.

Comentarios