Finlandia confirma que deixou de recibir gas ruso

O país asegura que se están utilizando outras importancións e que "o sistema de gas está actualmente en equilibrio".
Tubos do paralizado gasoduto Nord Stream 2 almacenados nas instalacións do porto de Mukran, Alemaña. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tubos do paralizado gasoduto Nord Stream 2 almacenados nas instalacións do porto de Mukran, Alemaña. (Foto: Nós Diario).

O distribuidor estatal de gas de Finlandia, Gasum, confirmou este sábado que deixou de recibir gas procedente de Rusia.

"A subministración de gas natural a Finlandia en virtude do contrato de subministración de Gasum cortouse", indicou a empresa nun comunicado. "A partir de hoxe e durante a próxima tempada de verán, Gasum fornecerá gas natural aos seus clientes desde outras fontes a través do gasoduto Balticconnector", engadiu.

Así mesmo, o operador estatal finlandés de transmisión de gas natural, Gasgrid Finland, confirmou que a subministración se detivera, mais informou que se están utilizando outras importancións e que "o sistema de gas está actualmente en equilibrio".

De igual maneira, a empresa estatal rusa Gazprom confirmou que interrompeu completamente as subministracións de gas a Gasum. Segundo a compañía, a decisión débese a que o comprador finlandés rexeitara pagar polo hidrocarburo en rublos, tal como estipula unha orde presidencial rusa de finais de marzo, e iniciou a pasada terza feira unha disputa legal sobre o contrato.

Alemaña e Italia permiten abrir contas bancarias en rublos

As autoridades de Alemaña e Italia permitiron ás súas compañías abrir contas bancarias en rublos para poder comprar o gas ruso segundo se coñeceu esta sexta feira.

Bruxelas, segundo deron a coñecer algúns medios de comunicación, deu as instrucións aos membros da UE sobre como poden comprar o gas ruso sen violar as sancións impostas contra Moscova. Con todo, a vía legal para facelo aínda non é clara.

Cabe lembrar que, en resposta ás restricións na súa contra, Rusia solicitou que "os países non amigábeis" realicen os seus pagos polo gas en rublos.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios