O Goberno ruso suspende o subministro de gas a Polonia e Bulgaria

Edificio da gasificadora rusa Gazprom. (Foto: Stringer / dpa)
photo_camera Gazprom anunciou nesta cuarta feira que cortaba o subministro de gas a Polonia e Bulgaria. (Foto: Stringer / dpa)

A primeira hora desta cuarta feira, a compañía rusa Gazprom, unha das principais distribuidoras de gas en Europa, anunciou que procedía a cortar o subministro desta materia aos países veciños de Polonia e Bulgaria.

Esta medida, que xa fora anunciada polo presidente de Rusia, Vladimir Putin, nos pasados días, chega pola decisión de ambos país de non pagar as entregas en rublos, tal e como aprobou por lei o Executivo ruso para facer fronte ás sancións impostas pola comunidade internacional.

"Gazprom suspendeu por completo o subministro de gas a Bulgargaz (Bulgaria) e PGNiG (Polonia) por impago de rublos", manifestaba nun comunicado a compañía de gas.

No momento de anunciar a obriga do pago do gas en rublos, Putin asegurou que aqueles países "hostís coa Federación Rusa" que non acatasen a medida verían suspendido o envío de gas.

Reacción dos Gobernos polaco e búlgaro 

O ministro de Enerxía de Bulgaria, Alexander Nikolov, afirmou durante a mañá que o gas ruso seguía a chegar "con normalidade", mais matizou que o país dispón de reservas para uns seis meses no caso de que se produza definitivamente ese corte.

Nikolov detallou que o principal almacén de gas do país está actualmente a 18% de capacidade, e que o Executivo traballa en alternativas desde comezo de mes para intentar superar a dependencia do gas ruso, 90% do total consumido en Bulgaria.

Pola súa parte, a ministra de Clima e Medio Ambiente de Polonia, Anna Moskwa, asegurou que "non hai decretos de Putin que estean en vigor en Polonia".

Sobre a posíbel escaseza de gas no país, Moskwa negouna con rotundidade e afirmou que Polonia atópase agora mesmo a 80% de capacidade.  

Comentarios